Xunta e EOI tutelarán 16 proxectos emprendedores

O CIS Madeira será sede dun espazo coworking centrado no sector forestal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou durante un almorzo con membros de AJE Ourense, que o CIS Madeira será a sede dun novo coworking impulsado pola Xunta e a Escuela de Organización Industrial e centrado no sector forestal.

O CIS Madeira será sede dun espazo coworking centrado no sector forestal
Francisco Conde no almorzo con membros de AJE Ourense.
Francisco Conde no almorzo con membros de AJE Ourense.

En palabras de Conde, o CIS Madeira será o motor para impulsar novos proxectos neste ámbito no que os empresarios máis novos xogarán tamén un papel decisivo. En xullo lanzarase a primeira convocatoria co obxectivo de que en setembro arranque a aceleradora con 16 proxectos seleccionados que a Administración autonómica tutelará. O conselleiro sinalou que esta actuación enmárcase no obxectivo do Goberno galego de impulsar a industrialización deste sector a través da Axencia Galega da Industria Forestal. 

Esta iniciativa formará parte da Rede Galega de Aceleradoras coa que a Xunta está impulsando o talento e coa que se levan mobilizado 14 millóns en catro anos. Destacou que a nova aceleradora do CIS Madeira se suma aos outros seis espazos coworking que a Xunta organiza en colaboración coa EOI en diversos concellos galegos.

Neste almorzo de traballo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tivo a ocasión de escoitar de primeira man as principais demandas do tecido empresarial ourensán. Asemade, o conselleiro gabou o importante labor de asesoramento da Asociación de Xoves Empresarios de Ourense ás novas xeracións de empresarios, destacando a importancia de manter sempre aberta unha canle de diálogo entre o tecido empresarial e a Administración. 

10 proxectos en Agrobiotech

Ademais, puxo en valor os mecanismos do Goberno galego para apoiar o emprendemento, o talento, a creación de solo industrial e a transformación tecnolóxica a través das TIC. En particular, anunciou que 10 proxectos, dos que dous pertencen á provincia ourensá, participarán na segunda edición de Agrobiotech, aceleradora que ten unha das súas sedes principais no Parque Tecnolóxico de Galicia e busca apoiar ás pemes innovadoras galegas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa. Por sectores de actividade, a metade son empresas biotecnolóxicas; un 40% da industria agroalimentaria e o 10% restante son solicitudes a pemes do ámbito da biomasa.

O CIS Madeira será sede dun espazo coworking centrado no sector forestal