No viveiro de empresas de Lalín

Bota a andar o programa de apoio ao emprendemento no rural

Fomentar e apoiar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras no rural é o obxectivo do Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural que a Deputación de Pontevedra, coa participación da Fundación Roberto Rivas, inicia no viveiro de empresas de Lalín.
Bota a andar o programa de apoio ao emprendemento no rural
A presidenta da Deputación de Pontevedra nunha visita ao viveiro de empresas de Lalín.
A presidenta da Deputación de Pontevedra nunha visita ao viveiro de empresas de Lalín.

O  Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural é un programa de asesoramento, formación e mentorización dirixido a persoas emprendedoras, profesionais e/ou empresas cuxos proxectos se sitúen no medio rural ou o poñan en valor. Deste xeito, poderán participar no programa -que se desenvolverá entre os meses de outubro e decembro- tanto novas iniciativas empresariais como profesionais e empresas que estando en funcionamento queiran poñer en marcha novas liñas de negocio ou precisen consolidar e/ou redeseñar os seus proxectos empresariais.

O número de proxectos participantes será cinco e as e os participantes, ademais de contar cunha persoa mentora, recibirán 28 horas de formación en habilidades para o emprendemento, modelos de negocio, sustentabilidade, márketing e vendas, finanzas, subvencións e axudas, constitución de empresas e oratoria. Por último, terán a oportunidade de dar a coñecer os seus proxectos no DemoDay. A formación desenvolverase baixo un protocolo de seguridade pola covid-19 e, en caso de que as condicións non permitisen a súa realización presencial, farase en modalidade telemática.

As persoas, empresas ou profesionais que estean interesadas en participar no programa poden facer chegar os seus proxectos a partir do 1 de setembro, e durante un prazo de quince días hábiles, na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. 

Este primeiro Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, que se enmarca no Plan para a Dinamización do Viveiro de Lalín que ten en marcha a Deputación de Pontevedra, enfoca o seu desenvolvemento e metodoloxía na construción de modelos de negocio sostibles desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que favorezan a xeración de riqueza no e para o territorio, e que estean aliñados cos valores e propósitos das persoas promotoras. Así mesmo, propíciase a colaboración e a creación e intercambio de coñecemento entre todas as partes implicadas.

Comentarios
Bota a andar o programa de apoio ao emprendemento no rural