O 31 de marzo comezan a súa fase de formación

25 inscritos no programa de emprendemento mariño Empreamar

O próximo venres 31 de marzo arranca a fase de formación do programa de emprendemento mariño Empreamar, que impulsan o Campus do Mar e o Concello de Moaña en colaboración co Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP 7 Vigo-A Guarda)

25 inscritos no programa de emprendemento mariño Empreamar
Sesión de presentación do programa de emprendemento Empreamar./DUVI.
Sesión de presentación do programa de emprendemento Empreamar./DUVI.

O obxectivo desta iniciativa é incentivar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, que aproveiten de maneira sostible a gran cantidade de recursos que ofrece o mar, para xerar valor económico e social no ámbito territorial de actuación do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro, co Concello de Moaña como sede.

Previo ao inicio desta fase, o pasado venres os 25 participantes tiveron unha sesión de presentación, na que participaron Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Moaña, María Ortega, concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade e Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia do Campus do Mar, que deron á benvida ao programa ás persoas inscritas. Jorge de los Bueis, coordinador do programa Empeamar, foi o encargado de presentar o detalles organizativos e docentes e de explicar os obxectivos de cada unha das fases aos incritos, persoas cun perfil moi diverso, tanto en experiencia, como en formación e en intereses, dende xente do mar a desempregados novos ou persoas de mediana idade.

Será no Padroado de Beiramar, onde se realizarán case todas as actividades formativas desta primeira fase do programa, aínda que para a primeira delas, o sábado 1 de abril, trasladaranse ao campus universitario de Vigo para unha sesión de adestramento de habilidades.

A segunda parte do programa comprende as fases de reforzo de capacidades e de ideas de negocio e estenderanse no tempo ata o vindeiro mes de maio. Xa en xuño terá lugar a fase de selección de ideas de negocio e a finais de xuño está previsto que de comezo a fase de preincubadora. Para esta última seleccionaranse ata un máximo de seis ideas de negocio, as que teñan maior potencial entre todas as propostas  A fase de preincubación alongarase ata febreiro de 2018 co obxectivo de que as persoas que impulsen estas ideas sexan quen de materializar os seus proxectos vinculados ao mar e á comarca moañesa, xeran riqueza e oportunidades laborais.

Para axudar a perfilar os proxectos que deben xurdir nestes meses, dende a organización de Empreamar estase a elaborar un estudo dos recursos mariños da contorna de Moaña que poden ser aproveitables para emprender dun xeito sostible, incluíndo tamén outras ideas de negocio postas en marcha noutros lugares que poderían ser trasladables a esta zona.

25 inscritos no programa de emprendemento mariño Empreamar