O conselleiro de Economía visitou en Marín o Centro Especial de Emprego Juan XXIII

A Xunta lanzará un programa de formación dual específico para centros especiais de emprego

A Xunta de Galicia porá en marcha este ano un novo programa de formación dual nos centros especiais de emprego co que se ofrecerá unha formación adaptada á demanda empresarial e prácticas nun posto de traballo.

A Xunta lanzará un programa de formación dual específico para centros especiais de emprego
O conselleiro de Economía visitou en Marín o Centro Especial de Emprego Juan XXIII./X.L.OUBIÑA.
O conselleiro de Economía visitou en Marín o Centro Especial de Emprego Juan XXIII./X.L.OUBIÑA.

A intención do Goberno galego é capacitar a 80 persoas a través dun investimento de 3 millóns de euros nos próximos tres anos. Así o anunciou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, en Marín, nunha visita  ao Centro Especial de Emprego Juan XXIII. Neste centro, que forma parte de Fademga, traballan 40 empregados.

O titular de Economía sinalou que a verdadeira inclusión só é posible cando se fala de inclusión laboral e, por iso, indicou que é preciso e xusto que todos os galegos e galegas, sen excepcións, poidan ter oportunidades laborais. Neste senso, puxo en valor o traballo que realiza Juan XXIII, que conta con 30 xardineiros que realizan, entre outras actuacións, labores de mantemento, limpeza de camiños en contornos rurais e o desbroce de fincas e montes en campañas de prevención de incendios.

Conde, ademais, apuntou á necesidade de avanzar en dúas direccións: na sensibilización da sociedade e do tecido empresarial para que o emprego inclusivo sexa máis que un compromiso; e no deseño de medidas que se adapten ás necesidades reais do mercado laboral e ás das persoas con capacidades diferentes.

Programas específicos

O conselleiro recordou que a Xunta destina este ano máis de 22 millóns de euros a programas específicos para promover o emprego das persoas con capacidades diferentes en centros especiais de emprego. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais, ten en marcha o programa Galicia Emprega a través do que se reservan dous millóns de euros para ofrecer incentivos de 8.000 euros para a contratación inicial deste colectivo nas empresas galegas e 16.000 euros para contratos indefinidos dos que se prevé que se beneficien 180 persoas.

A Xunta lanzará un programa de formación dual específico para centros especiais de emprego