Incluído no Plan Emprega Mulleres

A Xunta estrea un programa de capacitación dirixido a mulleres

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presentou en comisión parlamentaria as características principais do novo programa da Xunta de apoio aos mulleres nos ámbitos rural e urbano, co que agarda beneficiar 1.100 mulleres e conseguir a inserción laboral de, alomenos, un 20% delas.
A Xunta estrea un programa de capacitación dirixido a mulleres
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, en comisión parlamentaria./XOAN CRESPO.
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, en comisión parlamentaria./XOAN CRESPO.

A iniciativa, na que a Administración galega investirá 2,8 millóns de euros, busca enriquecer a capacitación das mulleres para incrementar a participación na actividade económica da súas zonas de residencia con accións centradas na formación, no emprendemento e no asesoramento nos eidos dixital, tecnolóxica, da economía social ou aproveitamento forestal, pesqueiro e agrario, entre outros.

A Xunta estima a participación de preto de 1.100 mulleres nesta actuación, o que suporá, en palabras da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, un investimento medio por muller de 2,552 euros para “formar e recuperar o talento feminino”. O obxectivo do programa, co prazo de inscrición aberto ata o próximo mes de outubro, é mellorar a inserción laboral das mulleres desempregadas e, deste xeito, do total de participantes, un 20% polo menos, é dicir unhas 220 mulleres como mínimo, incorporaranse ao mercado de traballo ao remate da iniciativa.

Para participar, as mulleres deberán estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e residir, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes que presenten necesidades de cualificación ou recualificación formativa ou profesional para poder acceder a un sector laboral concreto relacionado principalmente coa economía verde e dixital. E é que un 35% das participantes no programa deberán realizar un itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias en empregos verdes; e outro 35% en empregos dixitais.

A directora xeral na súa intervención destacou o papel fundamental que xogan as entidades locais no desenvolvemento deste programa, xa que son elas as destinatarias das axudas da Xunta para que poidan poñer en marcha a actuación. A formación impartida, por iso, estará relacionada cos postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolva o programa.

Lado salientou, así mesmo, que esta iniciativa, que terá unha duración de 12 meses, reverterá na sociedade desde tres piares: sobre as mulleres participantes; sobre a contorna, xa que mellorará o desenvolvemento produtivo das zonas onde se realice; e sobre a loita contra a desigualdade, xa que a iniciativa tamén busca facer fronte á fenda de xénero que, sobre todo, existe no medio rural, ao tempo que busca a permanencia das mulleres no seu territorio mellorando a súa perspectiva profesional. “Fomentamos a fixación do talento das mulleres no territorio”, engadiu Lado.

Emprega Muller

O novo programa autonómico enmárcase no Plan Emprega Muller, que conta para este ano cun orzamento de 35,8 millóns de euros, co obxectivo de facer fronte aos efectos socioeconómicos derivados da pandemia tendo en conta as particularidades do territorio galego e co fin de loitar contra a fenda de xénero.

Emprega Muller, segundo Lado, é unha nova oportunidade de apoio para as mulleres que queiran mellorar a súa empregabilidade no ámbito rural ou urbano. “É unha firme e nova vía para apoiar o crecemento en feminino de toda a sociedade galega e un compromiso reafirmado do Goberno da Xunta polas persoas, pola nosa contorna, pola igualdade e polo futuro social, económico e territorial de Galicia”.

O Plan Emprega Muller inclúe o desenvolvemento de cinco novos programas. Ademais do destinado ao medio rural e urbano, Lado destacou os novos programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, dotados con 4,8 millóns de euros, e que se desenvolverán en colaboración coas entidades locais e sen ánimo de lucro; e as unidades formativas en empresas en sectores con subrepresentación feminina, que conta para este ano con 3,5 millóns de euros de investimento para financiar o 100% da formación que se imparte en centros de traballo, apoiando, ao mesmo tempo, ás empresas nas contratacións. É este último un programa no que se estima que participen 2.667 mulleres e que poidan contratarse unhas 1.100.

A Xunta estrea un programa de capacitación dirixido a mulleres