A compañía presentou concurso de acredores

A Xunta crea un grupo de traballo con sindicatos e comité de empresa de Poligal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago unha xuntanza co comité de empresa de Poligal, compañía que vén de presentar concurso de acredores. 

A Xunta crea un grupo de traballo con sindicatos e comité de empresa de Poligal
Xuntanza de Francisco Conde e outros cargos da Consellería de Economía co comité de empresa de Poligal./C.PAZ.
Xuntanza de Francisco Conde e outros cargos da Consellería de Economía co comité de empresa de Poligal./C.PAZ.

Francisco Conde trasladoulle aos traballadores da empresa o apoio da Xunta, comprometéndose a seguir velando polo cumprimento dos seus dereitos. Neste senso, acordaron crear un grupo de traballo técnico no que participen a Xunta, o comité de empresa e os sindicatos.

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a Administración autonómica asegura que, como autoridade laboral, mantén un diálogo permanente cos traballadores e a empresa, téndose posto en contacto tanto cos representantes sindicais como coa dirección da compañía para coñecer en todo momento en que punto se atopa o proceso.

Conde transmitiulle aos empregados que a Xunta seguirá polo miúdo a decisión do Xulgado, despois de que a empresa presentara o concurso de acredores, e intermediará no que sexa preciso no ámbito das súas competencias. 

Poligal é unha compañía que conta cunha planta en Narón que se dedica á fabricación de plástico para a industria alimentaria e a laminación que conta cun plantel que supera os cen traballadores. Segundo a dirección da empresa, a fábrica naronesa presenta problemas estruturais "graves" que a levaron a tomar a decisión de cese de actividade. A compañía refírese á actual coxuntura do mercado, con subas dos prezos das materias primas e un exceso de capacidade instalada.

A Xunta crea un grupo de traballo con sindicatos e comité de empresa de Poligal