Resolverá, con carácter gratuíto dúbidas e consultas da cidadanía

A Xunta e os colexios de graduados sociais dan continuidade ao servizo de orientación e asesoramento xurídico-laboral

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de asinar cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (os de Lugo, Pontevedra e A Coruña-Ourense) un novo convenio de colaboración para continuar a prestar un servizo de orientación e asesoramento xurídico-laboral.

A Xunta e os colexios de graduados sociais dan continuidade ao servizo de orientación e asesoramento xurídico-laboral
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, con representantes dos tres colexios de graduados sociais.
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, con representantes dos tres colexios de graduados sociais.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, mantivo un encontro de traballo de seguimento e actualización do servizo cara ao novo curso cos representantes dos tres colexios oficiais de graduados sociais.

A Xunta, en colaboración cos colexios oficiais, seguirá a ofrecer asesoramento gratuíto á cidadanía en materia de Seguridade Social sobre cuestións como as prestacións de desemprego e resolverá dúbidas legais no eido xurídico-laboral respecto de asuntos relacionados coa contratación, a conflitividade laboral, o emprendemento, o réxime de traballadores autónomos ou as relacións laborais de estranxeiros. O servizo atenderá ademais todas as consultas socio-laborais que garden relación coa igualdade, a discriminación ou o acoso no lugar de traballo.

As consultas realizaranse de xeito presencial con carácter prioritario. As persoas interesadas poden acceder a este servizo nas sedes dos colexios ou no despacho do profesional ao que se designe o cometido. A través deste sistema garántese a máxima discreción e confidencialidade, encomendando o asesoramento aos profesionais máis próximos á persoa beneficiaria.

Campaña de difusión do servizo

Na xuntanza dest luns, a directora xeral anunciou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere promover o coñecemento deste recurso e distribuirá material informativo nas oficinas de emprego, nas dependencias dos servizos de mediación e arbitraxe (Smacs), da inspección de traballo, en concellos e nos propios colexios.

Mancha destacou que na realidade social e económica actual existen inquedanzas que incumben ás persoas traballadoras e ás relacións laborais, afectando tamén ás condicións nas que se desenvolve o traballo; por iso, a Consellería pretende dar resposta ás dúbidas que lles poidan xurdir a través desta oficina de orientación xurídica-laboral, que se estreou o pasado ano.

A Xunta e os colexios de graduados sociais dan continuidade ao servizo de orientación e asesoramento xurídico-laboral