Por eliminar así parte da representación do sindicato no comité provincial

A CIG protesta pola decisión do Grupo Santander de externalizar o Centro de Proceso de Datos de Orillamar

A CIG realizou este martes unha concentración diante do SMAC na Coruña en protesta pola decisión do Grupo Santander-Popular de externalizar o persoal do Centro de Proceso de Datos (CPD) de Orillamar.

A CIG protesta pola decisión do Grupo Santander de externalizar o Centro de Proceso de Datos de Orillamar
Protesta da CIG fronte ao SMAC da Coruña pola externalización do CPD de Orillamar.
Protesta da CIG fronte ao SMAC da Coruña pola externalización do CPD de Orillamar.

Con esta medida, a CIG queda sen tres dos catro delegados cos que contaba no comité provincial e que formaban parte do persoal do CPD de Orillamar.  "Na práctica, o banco está eliminando a presenza da CIG no comité e privando os traballadores e traballadoras de ter representación sindical efectiva ao suprimir a unha parte dos/as delegados/as electos. É dicir, a empresa está vulnerando un dereito fundamental", apuntaba Óscar Calvo, secretario da CIG-Banca na Coruña.

Recorda a CIG que o sindicato non asinou o ERE formulado o pasado ano no Grupo Popular que acordaba despedimentos nuns casos e externalizacións noutros da totalidade do cadro de persoal do centro de Orillamar. Entendía que non había motivos para aplicar un despedimento colectivo "máxime cando se están producindo contratacións a través de ETT en condicións precarias e existe sobrecarga de traballo; polo que, en todo caso, habería que proceder a unha reorganización dos cadros de persoal".

A CIG ten denunciado a actuación tanto no que ten a ver coa situación individualizada dos traballadores e a traballadora afectada, como polos prexuízos ocasionados á propia central sindical. Precisamente, a concentración realizouse no SMAC, coincidindo cos actos de conciliación previstos. Non obstante, non se chegou a ningún acordo xa que a empresa se negou a recolocar a este persoal dentro da rede propia do banco, explicaron desde o sindicato.

Engade Óscar Calvo que permitir este actuación do banco "suporía abrir un perigoso precedente para que as empresas eliminen ao seu criterio á representación de persoal máis combativa e polo tanto, que lles resulta máis molesta".

A central sindical oponse á externalización deste persoal nunha empresa -que a súa vez é propiedade do Santander-, posto que o traballo se sigue desenvolvendo no mesmo lugar e polas mesmas persoas. "Esta externalización, na práctica, implica conxelar as condicións laborais e salariais deste persoal, que deixa de estar rexido polo convenio de banca e polas melloras que se apliquen neste marco ao resto do persoal da entidade, e suporá que todos os novos traballadores e traballadoras que se incorporen ao Centro de Proceso de Datos farano en peores condicións", apunta o sindicato.

A CIG protesta pola decisión do Grupo Santander de externalizar o Centro de Proceso de Datos de Orillamar