Suporá o despedimento dos 41 empregados do centro de traballo coruñés

Protesta da CIG na Coruña polo ERE en "Santander Operaciones"

A CIG desenvolveu este mércores unha concentración de protesta fronte ao Edificio Orillamar na Coruña contra o expediente de regulación de emprego da filial "Santander Operaciones" do Banco Santander, que suporá o peche do centro de traballo coruñés e o despedimento dos seus 41 traballadores. 

Protesta da CIG na Coruña polo ERE en "Santander Operaciones"
Concentración da CIG diante do do Edificio Orillamar na Coruña, que no seu día acolleu os servizos centrais do Banco Pastor.
Concentración da CIG diante do do Edificio Orillamar na Coruña, que no seu día acolleu os servizos centrais do Banco Pastor.

As 41 persoas afectadas polo expediente de regulación de emprego de "Santander Operaciones" proceden dos servizos centrais do antigo Grupo Popular-Pastor, pero no marco do ERE do ano 2017, logo dunha redución de persoal de máis de 100 traballadores, o Santander externalizou o servizo pasando a integrarse na súa filial "Santander Operaciones". Xa daquela, a CIG demandou a recolocación deste persoal na rede comercial "porque non existían garantías de futuro para estes postos. A estratexia do banco parecía clara: primeiro externalizar e logo despedir. Por desgraza, o tempo deunos a razón", expresou a secretaria da sección sindical da CIG, Rosa Conde.

O ERE que vén de formular o Grupo Santander para a súa filial, continúa Conde, afecta a 118 persoas en todo o Estado e contempla o peche do centro da Coruña. "As alternativas para estes compañeiros e compañeiras son escasas, xa que non hai en Galiza outro centro de Santander Operaciones a onde trasladalos. Por iso, seguimos reclamando a súa reubicación dentro da rede do banco, tendo en conta que fan traballo bancario e que xa formaron parte do cadro de persoal da entidade".

Este peche afecta tamén ás 69 persoas que traballan para BC Gestión Hipotecaria, subcontrata do Santander que se dedica á formalización de hipotecas e que en Galiza opera desde este centro. Porén, até o momento estes traballadores descoñecen que plans ten BC para o seu futuro ou se haberá despedimentos e traslados a outras oficinas.

A este respecto, a secretaria da sección sindical da CIG criticou o recorte de persoal nunha empresa como o Banco Santander, "que declara beneficios multimillonarios, no que as prolongacións de xornada son unha práctica habitual, que contrata ETT's para suplir as carencias de traballadoras e traballadores, e que fixa uns obxectivos comerciais e unhas cargas de traballo  non asumíbeis polos cadros de persoal actuais".

Protesta da CIG na Coruña polo ERE en "Santander Operaciones"