Haberá mobilizacións este mércores

O persoal de Ferroatlántica esixe o desbloqueo da negociación do convenio colectivo

Os traballadores de Ferrroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas proseguirán este mércores 6 de xuño, co calendario de mobilizacións para esixir o desbloqueo da negociación e reclamarlle a dirección de Cee que sente negociar o convenio colectivo do centro de traballo.

O persoal de Ferroatlántica esixe o desbloqueo da negociación do convenio colectivo

A asemblea de traballadores aprobou retomar as concentracións na porta da fábrica de Brens os mércores ás 14 horas, en resposta ás pretensións da empresa de impor o acordo marco asinado en Madrid entre Ferroglobe e as centrais sindicais UGT e CCOO, e que, ao seu xuízo, suporía un recorte nas condicións laborais e salariais actuais. Ese acordo marco, ademais, non conta co respaldo do comité das fábricas de Cee e Dumbría, pasa por enriba da lexitimidade negociadora da representación do persoal e o seu contido nin sequera foi consultado ou sometido a consideración dos centos de traballadores e traballadoras ás que afecta.

Dende o comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas chámase á dirección "a non adoptar posicións que atenten contra a máis xenuína manifestación da liberdade sindical, que é o dereito á negociación colectiva por parte deste comité". Ao tempo, advírtese que, de non abandonar a empresa a súa actitude de boicot á negociación do convenio colectivo, o comité non descarta incrementar as medidas de presións e mesmo convocar folga.

Solicitude de reunións con Industria e Medio Ambiente

Por outra banda, o comité ten solicitadas reunións coa Consellaría de Economía, Emprego e Industria e coa Consellaría de Medio Ambiente para coñecer de primeira man en que fase se atopan os trámites para a autorización das tres novas centrais hidroeléctricas solicitadas por Ferroatlántica. 

O persoal de Ferroatlántica esixe o desbloqueo da negociación do convenio colectivo