Os sindicatos rexeitan a limitación do dereito a coller vacacións

Persoal dos centros de Política Social concéntranse en defensa dos seus dereitos

O persoal das residencias da Consellería de Política Social secundou masivamente as mobilizacións convocadas pola CIG, CCOO, CSIF e UGT para rexeitar a limitación do dereito a coller vacacións e demandar medidas que permitan garantir unha atención digna.
Persoal dos centros de Política Social concéntranse en defensa dos seus dereitos
Protesta diante do CAPD de Redondela./CIG.
Protesta diante do CAPD de Redondela./CIG.

As protestas tiveron lugar este xoves ás portas dos centros dependentes da Consellaría de Política Social  onde o persoal despregou cartaces denunciando unha decisión do departamento autonómico “coa que pretende limitar o dereito a coller as vacacións” recollido no V Convenio Único do Persoal Laboral da Xunta.

As organizacións sindicais consideran que con esta instrución a Administración “pretende condicionar as vacacións anuais do persoal que traballa nos centros de menores, de atención á discapacidade e de maiores”, polo que acordaron desenvolver mobilizacións para esixir a retirada do documento e na defensa duns servizos sociais públicos e de calidade. As protestas terán lugar diante dos centros de traballo no mesmo horario todos os xoves até o vindeiro 2 de xullo.

Lembran que os centros residenciais foron duramente afectados pola crise sanitaria do coronavirus pola súa especial vulnerabilidade tanto polas persoas usuarias como pola cantidade de persoal e residentes que conviven nestes espazos. “Nos centros de menores, centros de atención á discapacidade ou centros de maiores dependentes da Xunta de Galiza o persoal fixo e fai un grande esforzo para manter o servizo e parar a afección da pandemia mentres a Xunta mantén unha actitude impositiva e autoritaria arrasando cos dereitos laborais”, critican.

Así, explica, a Administración modificou unilateralmente as condicións de traballo deste persoal “coa imposición de quendas longuísimas (de até 38h consecutivas) e obrigou incluso a traslados forzosos a centros de titularidade privada xustificándoo na necesidade de achegar solución na emerxencia social e sanitaria”.

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración salientan que deben recuperarse a negociación das condicións de traballo e os dereitos incluídos no V Convenio Colectivo Único así como tratar as condicións nas que se producen os traslados “ou incluso prepararnos e prever como van a ser as actuacións no caso dun recrudecemento da pandemia”.

Persoal dos centros de Política Social concéntranse en defensa dos seus dereitos