Conseguíronse 143 ofertas de emprego

O 68% dos participantes no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III" logrou a inserción laboral

A Asociación Área Empresarial do Tambre fai balance das accións da última edición do Programa Integrado de Emprego “Tambre Traballa III”,  do que máis do 68% dos seus participantes xa atoparon traballo.

O 68% dos participantes no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III" logrou a inserción laboral
Formación impartida no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III".
Formación impartida no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III".

A Asociación Área Empresarial do Tambre sinala que acceeeron a un emprego un 68,23% das persoas participantes neste programa, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. En total, a organización explica que se conseguiron 143 ofertas de emprego entre as preto de 400 empresas asociadas á entidade.

O programa“Tambre Traballa III” consistiu en orientación e asesoramento para unha busca efectiva de emprego, formación e prospección laboral en empresas, para coñecer insitu as necesidades que teñen e as compañías e adecuarse as súas demandas.

Así sinalan que se realizaron preto de 350 entrevistas de orientación individual, onde se ofreceu axuda coa realización ou modificación de currículo, a preparación de entrevistas de traballo, asesoramento e resolución de dúbidas.

Por outra banda nesta convocatoria executáronse 34 acción formativas. En concreto, organizáronse tres itinerarios de emprego de operaria/o de almacén e loxística, xestión comercial e atención aos clientes e comercio e loxística que posibilitaron a realización de máis de 2.000 horas de prácticas laborais, unha ferramenta que as empresas sinalan como moi interesante para a adecuación das persoas ao posto de traballo.

Ademais, celebráronse talleres sobre competencias dixitais, onde os alumnos e alumnas indagaron na marca dixital e as redes sociais para a procura de emprego, informática básica, ou competencias dixitais para a formación en liña. Impartiuse outra formación sobre habilidades sociolaborais, intelixencia emocional, coaching e motivación; e outra de asesoramento en autoemprego e actitude emprendedora.

Tamén se desenvolveu unha formación complementaria e transversal sobre mobilidade laboral, operador/a de carretas elevadoras, operador/a de plataformas elevadoras, manipulación de alimentos e prevención de riscos laborais.

A Asociación Área Empresarial do Tambre sinala que o desenvolvemento destes programas, onde se combinan accións de prospección laboral, atención individualizada e  formación continua,están a dar grandes resultados como vía para obter emprego. A inserción laboral, tanto desde a vertente de servizo a empresas como para os demandantes de emprego, é un dos principais eixos da súa misión como asociación desde fai tempo. 

O 68% dos participantes no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III" logrou a inserción laboral