A FORMACIÓN PRIORIZARÁ A INDUSTRIA 4.0

Os orzamentos para formación da Consellería de Economía crecen este ano un 21,6%

Preto de 400 alumnos e alumnas recibiron os certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado correspondentes aos cursos de formación que apoiados pola Xunta realizaron na Fundación Laboral da Construción.

Os orzamentos para formación da Consellería de Economía crecen este ano un 21,6%
Acto de entrega de diplomas dos cursos de formación para persoas desempregadas da Fundación Laboral da Construción, en Santiago./X.CRESPO.
Acto de entrega de diplomas dos cursos de formación para persoas desempregadas da Fundación Laboral da Construción, en Santiago./X.CRESPO.

Esta entidade, dedicada principalmente a promover a formación profesional e a mellorar a saúde laboral e previr os accidentes de traballo, impartiu accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade das ramas de enerxía e auga; edificación e obra civil; instalación e mantemento; seguridade e medio ambiente; industrias extractivas, agraria, madeira, moble e cortiza; e formación complementaria.

O acto, que tivo lugar en Santiago, estivo presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen salientou que a formación seguirá sendo “un eixo importante das políticas activas de emprego para dar respostas ás necesidades do noso tecido produtivo”. Deste xeito, explicou que os Orzamentos da Consellería para este ano destinan 86,2 millóns de euros, un 21,6% máis que en 2016, para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real das empresas. Ademais dos cursos de formación, obradoiros e lanzadeiras de emprego e unha nova convocatoria para o recoñecemento da competencia profesional modernizarase a Rede Pública de Centros de Formación.

Conde explicou, así mesmo, que o Goberno galego vén de fixar novos retos para mellorar a formación para o emprego. Así, indicou que a programación prevista para persoas desempregadas para 2017 será más ambiciosa, xa que se ampliará a novos sectores e se impartirá ao longo de todo o ano.

Conde detallou que a formación estará enfocada a aqueles sectores con maiores índices de inserción laboral detectados polo Observatorio de Emprego de Galicia e “cun enfoque claro” na Industria 4.0 e nos sectores estratéxicos e emerxentes definidos na Axenda da Competitividade de Galicia. Así mesmo, resaltou que estará ao alcance de todos os galegos e galegas con independencia da súa cualificación previa e priorizará aos colectivos máis importantes para a Xunta, aqueles que teñen maiores dificultades para atopar un emprego, como son as mulleres e os parados de longa duración. Ademais, porase en marcha un programa específico de formación dirixido especificamente á mocidade.

Conde indicou que a meta principal é poder crear emprego estable e de calidade engadindo, ao respecto, que os cursos de formación para persoas desempregadas, como os que se imparten na Fundación Laboral da Construción, axudan a conseguir este obxectivo, xa que a media de inserción laboral é dun 56%. Ademais, o 64% dos que atopan un emprego acádano nos primeiros 6 meses unha vez finalizado o curso. Os alumnos que superan o certificado de profesionalidade teñen ademais a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas, adquirindo novas habilidades e mellorando o seu perfil profesional.

O sector da construción

O conselleiro tamén fixo referencia ao sector da construción, que se está a recuperar tras sufrir o impacto da crise económica. Conde salientou que a partir do primeiro trimestre de 2015 os datos comezaron a ser positivos neste sector encadeando na actualidade 7 trimestres de incremento e contando cun diferencial de crecemento superior con respecto a España. Tamén destacou que o número de empresas no sector creceu entre os anos 2015 e 2016, e 2016 pechouse cun descenso do paro do preto do 17%.

Comentarios
Os orzamentos para formación da Consellería de Economía crecen este ano un 21,6%