Coa colaboración de Amtega

O CPETIG ofrece formación para certificarse como delegado de Protección de Datos

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, organiza este mes de setembro un curso especializado sobre a nova figura do delegado de Protección de Datos, DPO.

O CPETIG ofrece formación para certificarse como delegado de Protección de Datos
A organización deste curso responde á crecente demanda do novo perfil profesional do delegado de protección de datos.
A organización deste curso responde á crecente demanda do novo perfil profesional do delegado de protección de datos.

O curso, de 20 horas de duración, terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago os días 7, 8, 14 e 15 de setembro.

Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos do curso estarán centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas de responsables e encargados do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do DPO (delegado de Protección de Datos), nas autoridades de control e no réxime sancionador.

O curso vai ofrecer unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e aos seus prestadores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.

Esta formación vai dirixida a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.

A formación impartida no curso está aliñada co esquema de certificación da Axencia Española de Protección de Datos e concibida para que calquera persoa que desexe certificarse como DPO poida facelo, aínda que non teña experiencia.

A organización deste curso responde á crecente demanda do novo perfil profesional do DPO, unha figura que deben incorporar de forma obrigatoria no seu organigrama as organizacións públicas, as empresas que realizan tratamento masivo de datos ou a gran escala, as que traten datos de especial protección, e as empresas que recollan características psicolóxicas e de comportamento das persoas.

As inscricións realízanse en cursodpo.cpetig.gal.

O CPETIG ofrece formación para certificarse como delegado de Protección de Datos