Desde 2009 25.000 galegos puideron acceder aos certificados de profesionalidade

Nova edición das probas de Competencias Clave que permiten o acceso á Formación para o Emprego

A Xunta vén de convocar a 11º edición das probas de Competencias Clave para facilitar aos traballadores que non posúan os requisitos académicos da ESO ou do Bacharelato, o acceso á formación para obter os certificados de profesionalidade.

Nova edición das probas de Competencias Clave que permiten o acceso á Formación para o Emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria destas probas que cada ano se realizan en Silleda e coas que se poden acadar os requisitos mínimos que aseguran que os estudantes posúen os coñecementos necesarios para realizar a formación correspondente aos novos certificados de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. As solicitudes poderán presentarse ata o 24 de marzo e está previsto que o exame sexa o 13 de maio.

Galicia é pioneira na realización destes exames que se centran nas materias de lingua galega, castelá, inglés e matemáticas. A Administración autonómica realiza estas probas desde o ano 2009 e desde entón 25.000 galegos e galegas que carecían dos requisitos académicos esixidos puideron acceder á Formación para o Emprego e aos certificados de profesionalidade. Son probas de avaliación sobre un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento, necesarios para todas as especialidades formativas e laborais. En 2016, a porcentaxe de persoas que resultaron aptas para o nivel da ESO foi do 72%; e para o nivel de Bacharelato do 58% .

A mellora da cualificación profesional dos traballadores é un eixo prioritario na Axenda 20 para o Emprego. O seu reto é a formación e capacitación ao longo da vida laboral dos traballadores. Entre as 20 medidas previstas nesta folla de ruta inclúese a priorización e a mellora da cualificación dos colectivos a quen van dirixidas estas probas de avaliación.

Nova edición das probas de Competencias Clave que permiten o acceso á Formación para o Emprego