Reivindincan a inclusión de dereitos no convenio estatal

As mulleres protagonizan a folga na industria dos conxelados

O sindicato CIG-Mar valora como un “éxito total” a primeira xornada de folga no sector dos elaborados do mar.

As mulleres protagonizan a folga na industria dos conxelados
Traballadoras de Fandicosta participaron na folga do sector de elaborados do mar.
Traballadoras de Fandicosta participaron na folga do sector de elaborados do mar.

Segundo destaca CIG_mar nun comunicado, a folga estivo prrotagonizada polas mulleres, maioritarias no sector, que desde primeiras horas da madrugada logaron paralizar por completo a industria galega dos conxelados. “É unha folga histórica porque non se cinxe, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que é unha folga por dereitos, principalmente das mulleres”. Así o afirmou Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou que o seguimento foi total en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, cunha “resposta magnífica” por parte do persoal.

Alén da reivindicación salarial, a folga céntrase na inclusión de dereitos básicos no convenio estatal. Sinala a central sindical que o convenio estatal, expirado en 2015, é dos máis precarios de todo o ámbito da alimentación, cunha perda importante de poder adquisitivo nestes últimos anos. Neste sentido, reivindican, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros. Esixen, tamén, limitar o traballo temporal e evitar a implantación de fórmulas "abusivas" como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Alén diso, reivindican pluses de refrixeración, dadas as condicións de frío e humidade no que decorre o traballo.

E nun sector onde as mulleres representan entre o 75% e o 85% do total dos cadros de persoal, cobran relevancia dereitos como a conciliación, reducións de xornada, licenzas, permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, entre outros.

Asemade, a  CIG-Mar continúa a reivindicar a necesidade "estratéxica" dun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.

A folga continuará os vindeiros mércores 24 e xoves 25 de outubro.

As mulleres protagonizan a folga na industria dos conxelados