Reclaman á construtora de Inditex que sente a negociar as condicións laborais

Mobilización da CIG no Zara de Marineda en protesta por "abusos laborais" nas obras nas tendas

Membros da CIG ocuparon simbolicamente este martes as obras da tenda de Zara no centro comercial Marineda da Coruña, en protesta pola situación "de explotación laboral" que se vén dando nas obras promovidas pola cadea en todo o mundo.

Mobilización da CIG no Zara de Marineda en protesta por "abusos laborais" nas obras nas tendas
Protesta do sindicato CIG ás portas das obras da tenda Zara en Marineda, A Coruña.
Protesta do sindicato CIG ás portas das obras da tenda Zara en Marineda, A Coruña.

Con esta acción, o sindicato intenta que as empresas acepten sentar a negociar as condicións laborais que deben regular estas obras. A Federación de Construción e Madeira da CIG explica que desde a contratista vénse premiando ás empresas máis desreguladas, que deben aceptar "incumprimentos sistemáticos dos convenios colectivos, como a realización de xornadas de máis de 12 horas, exceso de xornada que non se recompensa nin remunera, o incumprimento dos tempos legais de descanso e entre xornadas, o nepotismo na contratación, o encadeamento fraudulento de contratos, a relaxación da vixilancia da seguridade e a saúde, co conseguinte incremento da sinistralidade, renuncia ás vacacións", etc. Ademais, a dispoñibilidade permanente dos traballadores para viaxar en calquera momento a calquera lugar do mundo, provoca que nalgúns casos o persoal chegue a pasar até seis meses sen ver a súa familia. 

Esta situación afecta principalmente a empresas que non contan con representación sindical ou ben nas que esta está ocupada por persoas de confianza da empresa e incluso os seus propios accionistas, coa clara intención de imposibilitar ningunha resposta sindical a esta problemática, denuncia a CIG.

A CIG xa solicitou unha reunión á dirección de GOA Invest, a construtora de Inditex, para abordar a situación nestas obras e para presentarlle unha táboa reivindicativa coas condicións sociais que esixe en cada obra do grupo, co obxectivo "de rematar coa situación de explotación laboral nas obras de montaxe de tendas, defender a dignidade no sector da construción e redistribuír o excedente de traballo con novas contratacións no sector". O número de empresas galegas que prestan servizos en obras de tendas do téxtil superan o medio cento, que dan traballo diario a milleiros de operarios, calcula o sindicato.

Mobilización da CIG no Zara de Marineda en protesta por "abusos laborais" nas obras nas tendas