Convocados por UGT e CCOO

Miles de galegos demandan na rúa "salarios e empregos dignos"

Miles de persoas participaron este domingo nas concentracións convocadas por UGT e CCOO nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e na manifestación de Santiago para demandar salarios e emprego dignos e para pedir que se lle poña xa fin ao encarecemento da vida.

Miles de galegos demandan na rúa "salarios e empregos dignos"
Unha das concentracións deste domingo./FACEBOOK UGT.
Unha das concentracións deste domingo./FACEBOOK UGT.

Os manifestantes denunciaron que os prezos continúan subindo, mentres os salarios están a perder poder de compra, "o que está a provocar que a desigualdade aumente progresivamente e que xa sexan moitas as familias en situación de exclusión ou próximas á pobreza". De feito, España é o país da OCDE no que máis medrou a desigualdade desde o inicio da crise, só por detrás de Chipre, e os niveis de pobreza e exclusión social xa afectan a 13,4 millóns de persoas, o 29,2% da poboación española.

Ante esta situación, reclaman os sindicatos, "os gobernos non poden mirar cara outro lado e as organizacións patronais tampouco. Son culpables do que pasa, da suba incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra dos salarios, das pensións e das rendas de protección".Neste senso, dende ambos sindicatos apélase á necesidade de romper co inmobilismo da patronal que sigue sen dar resposta á proposta sindical de aumento salarial para 2017 (entre o 1,8 e o 3%), cando o IPC de xaneiro xa se situou nun 3%.

Por todo isto, os secretarios xerais de UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia reiteraron hoxe que hai que loitar contra o encarecemento da vida, especialmente contra a suba dos servizos básicos esenciais. Parello a isto, demandaron subas salariais que permitan gañar poder adquisitivo, a suba das pensións e das rendas de protección; subas que permitan recuperar o poder compra, retomando o IPC como índice de actualización.

Os dirixentes sindicais tamén criticaron os "perniciosos" efectos das últimas reformas laborais, pois xa provocaron que de cada cen contratos que se asinan, 91 sexan temporais e 9 indefinidos, e tan só cinco son indefinidos a tempo completo. Así, a taxa de temporalidade xa é de máis do 26% e os contratos cada vez duran menos: a cuarta parte menos de sete días.

Por todo isto, os secretarios xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, tamén reclamaron máis e mellor emprego e insistiron en que cómpre "seguir loitando contra a precariedade laboral, contra a brecha salarial, pola recuperación de dereitos e da calidade dos servizos públicos, por unha prestación de ingresos mínimos que axude a combater a desigualdade e a pobreza, e pola derrogación das reformas laborais".

Miles de galegos demandan na rúa "salarios e empregos dignos"