Informe de UGT sobre a situación sociolaboral da muller

O mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino

Ante a conmemoración o 8 de marzo do Día internacional da muller traballadora, UGT vén de prsentar en rolda de prensa na Coruña o “Informe sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia”.

O mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino

Neste informe conclúese que o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables. A pesar da progresiva incorporación da muller ao eido laboral, seguen persistindo fortes diferenzas. As taxas de actividade e ocupación feminina son 9,7 e 8,7 puntos inferiores á masculina e a do paro supera á masculina en 1,3 puntos.

A precariedade do mercado laboral tamén é un factor que afecta dun xeito máis incisivo ás traballadoras recolle o informe de UGT-Galicia. Así, a taxa de temporalidade entre as mulleres traballadoras galegas sitúase no 28,2%, mentres que a masculina é do 24,3%. Neste senso, hai que subliñar que esta diferenza vénse incrementando dende o ano 2013, cando era de 2,6 puntos, ata os 3,9 actuais.

En canto á segregación vertical, dende UGT-Galicia denúnciase que tan só 9.900 mulleres galegas están ocupadas en postos de dirección ou xerencia, fronte a 25.900 homes. En termos porcentuais isto significa que tan só o 2% da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia. Constátase así que o “teito de cristal” segue estando presente para as mulleres na súa participación no mercado de traballo.

Do informe tamén se deduce que a igual nivel de formación, os homes seguen a acadar maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. As menores diferenzas, aínda que considerables, danse nos niveis de educación superior, con taxas de ocupación do 70,2% para os homes e do 69,4% para as mulleres.

Canto ás retribucións salariais, a desigualdade entre homes e mulleres en Galicia chega ao 20,9%.

Desemprego

En materia de desemprego, a taxa de paro segue sendo superior entre as mulleres en 1,3 puntos, crecendo dende o ano 2012 cando a taxa de paro era superior entre os homes (como consecuencia da perda de emprego en sectores fortemente masculinizados e afectados pola crise), igual que no 2013 e xa a partir do 2014 a muller situouse á cabeza en taxas de desemprego ata o día de hoxe.

Hai que engadir que só o 43,3% das mulleres en paro perciben unha prestación, fronte ao 56,7% dos homes, o que leva en moitos casos ás mulleres a situacións de pobreza ou exclusión social, non atopando resposta ou cobertura por parte das administracións.

Conciliación e corresponsabilidade

O informe de UGT-Galicia apunta a que as desigualdades continúan. Do total das persoas que nin teñen nin buscan traballo por ter que coidar de menores, persoas adultas enfermas ou con discapacidade o 92,16% son mulleres. Un exemplo máis da renuncia das mulleres ao mercado laboral por ter que dedicarse á atención das reponsabilidades familiares. É aquí onde o sindicato insiste na necesidade de articular verdadeiras e efectivas políticas de conciliación e corresponsabilidade para poder mudar esta tendencia.

A parcialidade tamén vai pegada á muller. Do total das persoas traballadoras que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar de menores, de persoas maiores ou ter que atender outro tipo de responsabilidades familiares, máis do 94% son mulleres. Pero é que do total das mulleres que teñen un contrato a tempo parcial, o 74,8% o teñen por non atopar un a tempo completo, é dicir, involuntario, fronte a tan só o 25,2% dos homes.

Cando se fala de corresponsabilidade, as cifras evidencian que aínda se está moi lonxe de que esta sexa real a efectiva. As prestacións por maternidade as desfrutan as mulleres en exclusiva no 97,5 por cento dos casos; as reducións de xornada por coidado legal son solicitadas por mulleres no 73,8 por cento dos casos; e as excedencias por coidado familiar as solicitan as mulleres no 89,1 por cento dos casos.

Para UGT-Galicia, "é evidente que o camiño para lograr a igualdade efectiva é moi longo aínda. Queda moito por facer. Pasa porque a sociedade no seu conxunto tome conciencia de que a igualdade entre homes e mulleres é un dereito irrenunciable".

O mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino