A EMPRESA ADEBEDA A NÓMINA DE NOVEMBRO, A PAGA EXTRA DE NADAL E HORAS EXTRAORDINARIAS DESDE XUÑO

Dous días de folga en EMESA para esixir o pago de salarios adebedados

A primeira das dúas xornadas de folga convocadas na empresa coruñesa Elaborados Metálicos EMESA  para esixir o abono dos salarios adebedados rexistrou un seguimento do 100%, segundo informou a CIG.

Dous días de folga en EMESA para esixir o pago de salarios adebedados
Traballadores de EMESA fixeron folga este mércores.
Traballadores de EMESA fixeron folga este mércores.

As instalacións de EMESA no polígono coruñés de Coirós amencían este mércores coas portas pechadas, a actividade totalmente paralizada e cos traballadores concentrados diante da fábrica para esixir ao Grupo Soil -ao que pertence a compañía- "que proceda ao pago inmediato da nómina de novembro, da paga extra de Nadal e das horas extraordinarias que o persoal de montaxe ten pendente de cobrar dende o mes de xuño", sinalaron nun comunicado o comité de empresa.

O comité critica que malia o éxito da folga, a empresa nin efectivizou o pago dos salarios nin se puxo en contacto coa representación social para informar de cando vai pagar. "Os ánimos do persoal están exaltados ante tanto incumprimento e por iso mañá (por este xoves 20), volveremos ir á folga e concentrarémonos outra vez diante da fábrica", advertiu Alberto Muíño, presidente do comité.

Muíño critica tamén que por parte do Grupo Soil non se ofrecen garantías sobre a actividade de EMESA "e cada vez que preguntamos pola situación da fábrica, a empresa négase a presentarnos un plan de futuro, o que resulta chocante tendo en conta que hai unha carteira de pedidos por valor de 35 millóns de euros".

De non producirse o pago dos salarios de inmediato, o comité estudará este xoves novas medidas de presión, non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga.

Comentarios
Dous días de folga en EMESA para esixir o pago de salarios adebedados