Para empresas e emprendedores

A Deputación de Lugo convoca as axudas do plan de emprego Prende!

A Deputación de Lugo vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria das axudas a empresas e emprendedores dentro da segunda fase do plan Prende! Bota Raíces no Rural.
A Deputación de Lugo convoca as axudas do plan de emprego Prende!
Imaxe do plan Prende! Bota Raíces no Rural da Deputación de Lugo.
Imaxe do plan Prende! Bota Raíces no Rural da Deputación de Lugo.

O plan Prende! Bota Raíces no Rural da Deputación lucense ten o obxectivo de fixar poboación moza nas zonas menos poboadas da provincia de Lugo, favorecendo a súa inserción no mercado laboral. Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de 300.000 euros, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.

Este programa consta de dúas fases. Na primeira, que nestes momentos está en marcha e rematará o 13 de xullo, 50 mozos e mozas reciben formación especializada en catro sectores profesionais estratéxicos para Lugo e con perspectivas de crecemento, como son hostalería e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería, e medio ambiente, así como en emprendemento.

Unha vez rematada a formación, comezará a segunda fase do proxecto, as prácticas para adquirir experiencia laboral nestes sectores. A Deputación de Lugo, a través da convocatoria que vén de publicar no BOP, concederá axudas a empresas por importe de 5.700 euros por cada persoa que contraten durante un período de un ano, sendo a cantidade total destinada de 171.000 euros para un total de 30 contratos. Ademais, outorgará catro bolsas de 8.550 euros a emprendedores para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

Os participantes nos cursos de formación do plan Prende! poderán solicitar as axudas para emprendedores e terán posibilidade de acceder aos postos de traballo que demanden as empresas.

As persoas interesadas en solicitar algunha destas convocatorias deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 con saldo demográfico negativo na última década. Os interesados nas axudas poden formalizar a súa solicitude na sede electrónica da Deputación durante o prazo de dous meses.

A Deputación de Lugo convoca as axudas do plan de emprego Prende!