Un sector que dá emprego a 20.000 persoas na provincia

Delegados sindicais denuncian na Coruña o bloqueo da negociación do convenio provincial de metal

Centos de delegados, convocados por UGT, CCOO e CIG, concentráronse fronte á sede de Imasa en A Coruña para denunciar o bloqueo de negociación do convenio de siderometalurxia da provincia de A Coruña que afecta a 20.000 traballadores.


 

Delegados sindicais denuncian na Coruña o bloqueo da negociación do convenio provincial de metal
Concentración de delegados sindicais do sector siderometalúrxico na Coruña./UGT.
Concentración de delegados sindicais do sector siderometalúrxico na Coruña./UGT.

Esta concentración deu continuidade a un proceso mobilizador iniciado xa en abril, cunha concentración en Ferrol, á que lle seguiu outra concentración o pasado 4 de maio en Santiago.

FICA-UGT denuncia que a dilación neste proceso negociador "é xa insostible", recordando que xa hai máis de dous anos e medio que comezaron as negociacións para un convenio que caducou en decembro de 2015.

"Neste longo período, a patronal só se adicou a poñer pedras no camiño e a dilatar o proceso negociador, facendo oídos xordos ás propostas sindicais e tratando de impoñer en cada un dos encontros medidas regresivas para os 20.000 traballadores afectados", sinala o sindicato.

Para FICA-UGT, hai materias de negociación de vital importancia para os traballadores. Trátase dos incrementos salariais e a cláusula de revisión; a distribución irregular da xornada; ou todo o relativo a licenzas, entre outras cuestións.

FICA-UGT adianta que non se vai renunciar a ningunha medida de presión que permita pechar un acordo "satisfactorio e xusto" para os 20.000 traballadores do metal da provincia da Coruña.

Comentarios
Delegados sindicais denuncian na Coruña o bloqueo da negociación do convenio provincial de metal