Xuntanza co Igape

O comité de empresa pide a implicación da Xunta para "salvar" Maderas Iglesias

Os representantes do persoal de Maderas Iglesias valoran a xuntanza co Igape deste xoves na delegación da Xunta de Vigo como “un retroceso” a respecto da anterior, que tivera lugar en xuño, dado que non se materializou o posible acordo con investidores do que se informara daquela.

O comité de empresa pide a implicación da Xunta para "salvar" Maderas Iglesias
O persoal de Maderas Iglesias concentrouse diante da delegación da Xunta en Vigo./CIG.
O persoal de Maderas Iglesias concentrouse diante da delegación da Xunta en Vigo./CIG.

O comité de empresa de Maderas Iglesias reclama a presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde -ausente da reunión deste xoves- e que a Xunta de Galicia  se implique na salvación da empresa porriñesa “cumprindo o acordado no Parlamento Galego”.

Os representantes dos traballadores aseguran que non se poden esxir máis sacrificios ao persoal, "tras oito anos de conxelación salarial, demora no pagamento de nóminas e impago de salarios (a día de hoxe dúas pagas extra e máis a nómina de xullo), alén da aplicación de EREs", o último dos cales lograron reducir de 150 a 34 ceses. É por iso que, dada a imposibilidade da empresa por facer frente ás débedas, apelan aos compromisos adquiridos polo Goberno autonómico para mediar e procurar saídas co obxetivo de lograr o mantemento da actividade.

“A pelota está no tellado da Xunta, que polo momento non está facendo nada”, declaraba Xulio Vicente, da CIG-Construción, que esixe o cumprimento do acordo parlamentar tomado en outubro de 2017 para procurar saídas á situación, que poderían pasar por activar os mecanismos para atopar novos investidores ou renegociar as débedas coas entidades bancarias. O sindicalista amosou, ademais, a súa perplexidade pola falta de información sobre o estado calamitoso da empresa referida polo director do Igape, quen indicou que retomará os contactos coa dirección.

Tres días de folga indefinida

Coincidindo coa xuntanza co Igape, traballadores de Maderas Iglesias concentrábanse diante da delegación da Xunta en Vigo no terceiro día de folga indefinida. O comité de empresa destaa que o paro está a obter un seguimento total. Na factoría de Maderas Iglesias traballan 200 persoas, na súa maioría mulleres. 

Este venres o persoal da compañía volverá realizar unha concentración, desta volta diante da Casa do Concello do Porriño ás 12 horas.

O comité de empresa pide a implicación da Xunta para "salvar" Maderas Iglesias