Seis mortos desde 2013 nas obras da alta velocidade entre Zamora e Ourense

A CIG paraliza as obras do AVE para reclamar medidas ante a lacra dos accidentes laborais

Delegados da CIG-Construción detiveron este venres as obras do AVE na boca do túnel de Cerdedelo (Laza, Ourense) para denunciar "a total desidia" das administracións ante a "alarmante" concentración de accidentes mortais nas obras do AVE, con seis falecidos desde 2013.

A CIG paraliza as obras do AVE para reclamar medidas ante a lacra dos accidentes laborais
Os delegados paralizaron durante hora e media as obras do AVE no túnel de Cerdedelo, en Laza./CIG.
Os delegados paralizaron durante hora e media as obras do AVE no túnel de Cerdedelo, en Laza./CIG.

A acción veu precedida dunha concentración na praza do Concello de Verín en recordo do traballador falecido en accidente laboral a pasada semana. Un sinistro que a CIG solicitou incorporar á causa xudicial iniciada pola central sindical contra Estado e Xunta por prevaricación e delitos contra os traballadores, derivada do “desleixo absoluto” nas obras do AVE, e que se atopa na fase de dilixencias previas.

A seguir, os centos de delegados sindicais desprazáronse até a boca do túnel do AVE en Cerdedelo (Laza) para deteren as obras durante unha hora, ao berro de "non máis mortes nas obras do AVE" ou "cantos máis teñen que morrer". A protesta parou completamente o tránsito de camións na área, e até alí desprazouse unha dotación da Garda Civil, que identificou algúns dos asistentes.

"Estamos fartos de que se pretenda culpabilizar sempre ao traballador/a dos accidentes laborais", declarou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, que indicou que o que se dá nas obras do AVE é "unha clara neglixencia e irresponsabilidade da Administración, que sendo coñedora do que está a pasar non fai nada, desentendéndose dunhas obras que se están a converter nun auténtico inferno".

Plácido Valencia, secretario nacional da CIG-Construción, sinalou que “é intolerábel” que as administracións públicas continúen a facer oídos xordos a pesar das múltiples denuncias presentadas contra as precarias condicións de traballo e alta sinistralidade laboral nas obras do ferrocarril no sur da provincia de Ourense, que desde 2013 se saldou con seis falecidos, o último deles a pasada semana.

Denuncian que esta grave situación é produto da falta de controis, precarización e sobreexplotación imposta por empresas e subcontratas e padecida polos traballadores, que “se xogan a vida en xornadas maratonianas sen as medidas de seguridade preceptivas”. Segundo Valencia, o maior número de mortes que se produce no tramo Ourense-Zamora ten a súa orixe nas concesións á baixa das subcontratas por parte das UTEs, con remuneracións de miseria a operarios abocados a traballar "de maneiras inconcebíbeis e cercanas á escravitude".

A CIG paraliza as obras do AVE para reclamar medidas ante a lacra dos accidentes laborais