TRABALLANDO EN NOVE EMPRESAS E CENTROS DE PROCESAMENTO CÁRNICO DE GALICIA

CCOO denuncia a existencia de 1.500 "falsos autónomos" na industria cárnica galega que operan a través de Servicarne

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia que máis de 1.500 "falsos autónomos" operan coas grandes industrias cárnicas galegas a través de Servicarne, á que acusan de ser unha "falsa cooperativa".

CCOO denuncia a existencia de 1.500 "falsos autónomos" na industria cárnica galega que operan a través de Servicarne
Os sindicalistas de CCOO Víctor Ledo, Lola Santillana, Ramón Sarmiento e Vicente Canet.
Os sindicalistas de CCOO Víctor Ledo, Lola Santillana, Ramón Sarmiento e Vicente Canet.

Voceiros do sindicato explicaron en conferencia de prensa as actuacións levadas a cabo contra Servicarne, que recibe encargos de importantes matadoiros en tres provincias galegas. Segundo os datos do sindicato, o groso da fraude estaría na provincia de Ourense, con case a metade dos casos, situándose a seguir Lugo e Pontevedra.

Actualmente, a Inspección de Traballo, a instancias de CCOO, está a ultimar actuacións contra Servicarne en dúas liñas: primeira, determinar que é unha falsa cooperativa; segunda, constatar que hai unha relación laboral entre as persoas socias da cooperativa e a empresa cárnica, isto é, serían falsos autónomos.

Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO de Galicia, Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Lola Santillana, secretaria confederal de Emprego de CCOO e Vicente Canet, responsable estatal de CCOO no sector agroalimentario.

Actualmente, Servicarne traballa para nove empresas, centros de produción ou procesamento cárnico de Galicia. En Lugoopera con Suavi, Novafrigsa, Frigolouro, e Sada P. A. Castilla Galicia. En Ourense presta servizos a Coren, así como á cooperativa Unimiño. Por último, na provincia de Pontevedra traballa con Cogal e Frigolouro.  Segundo os datos de que dispón o sindicato, dos máis de 4.000 postos de traballo que o sector cárnico xera en Galicia, 1.500 están ocupados por falsos autónomos que operan a través de Servicarne.

A secretaria confederal de Emprego de CCOO, Lola Santillana, tras lembrar que o 4 % do sector cárnico español está en Galicia, instou o Goberno estatal a implicarse na procura de solucións. Neste senso, informou de que este xoves terá lugar en Madrid unha reunión co secretario de Estado de Emprego para garantir o emprego en Servicarne.

O responsable estatal do sector Agroalimentario de CCOO, Vicente Canet, alertou sobre os prexuízos que sofren estes falsos autónomos: "sen dereito á sindicación —teoricamente non son asalariados—, sen dereito á negociación colectiva —non se rexen por un convenio, senón por contratos mercantís— e habitualmente sen información nin formación axeitada canto á prevención de riscos laborais". Tamén están os prexuízos económicos. Partindo dos datos que Frigolouro lle facilitou á Inspección de Traballo —novamente, tras unha denuncia de Comisións Obreiras—, CCOO conclúe que este colectivo "cotiza aproximadamente a metade do que os seus equivalentes da empresa principal". 

A denuncia de CCOO contra Servicarne é parte dunha campaña de alcance estatal que o sindicato emprendeu o pasado mes de decembro contra diferentes cooperativas de traballo autónomo que Comisións Obreiras considera que cometen fraude —trataríase de falsos autónomos— e competencia desleal, especialmente no sector cárnico.

A resposta de Servicarne

Desde a súa propia páxina web, Servicarne nega as acusacións de que os seus asociados son "falsos autónomos" recordando que son "unha sociedade con máis de 40 anos de antigüidade que temos contratos con empresas cárnicas para realizar determinados traballos". Tamén rexeita as acusacións de que non son copropietarios da cooperativa sinalando que a asemblea xeral "é aberta para todos os socios" e desbotan que teñan que traballar en condicións penosas: "as nosas xornadas e soldos equipáranse aos do réxime xeral, sendo a media 1.800 euros mensuais. Esiximos legalidade e transparencia ás empresas coas que traballamos e cumplimos o que indica a Lei de Prevención de Riscos Laborais".

Comentarios
CCOO denuncia a existencia de 1.500 "falsos autónomos" na industria cárnica galega que operan a través de Servicarne