Máis de 34.000 persoas traballan no sector cultural en Galicia

Cámara de Santiago e Xunta inician un programa de formación para empresas culturais

A Cámara de Comercio de Santiago asinou un acordo de colaboración coa Xunta de Galicia para pór en marcha un programa de formación e asesoramento para apoiar e mellorar a competitividade das empresas culturais.
Cámara de Santiago e Xunta inician un programa de formación para empresas culturais
Directivos da Cámara de Comercio de Santiago xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Directivos da Cámara de Comercio de Santiago xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

Os detalles do programa formativo foron presentados polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, José Carballo, nun acto na Cidade da Cultura. O acordo implica o desenvolvemento de accións formativas centradas en ámbitos como emprego de novas tecnoloxías, internacionalización, capital risco ou xestión empresarial, e tamén en novas áreas de negocio, como a industria dos videoxogos.

Esta colaboración dá continuidade e amplía a oferta do servizo de asesoramento a empresas e profesionais culturais posto en marcha o pasado ano no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19. Con atención en liña e presencial na Cidade da Cultura dous días á semana, este servizo resolve dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da covid-19 e asesora tamén sobre temas como fontes de financiamento, plan de negocio, business angels, apertura de novos mercados, ou internacionalización.

Novidades do programa

O conselleiro de Cultura debullou as principais novidades desta colaboración, entre as que destaca un programa con “sete accións formativas que permitirán aos profesionais das industrias culturais e creativas mellorar as súas competencias en áreas como oportunidades de financiamento, capital risco ou transformación dixital, coñecer programas de apoio a nivel europeo aos que poden acceder ou incluso formarse en áreas de futuro como a creación de videoxogos”.

Román Rodríguez resaltou tamén que este novo servizo prestará apoio a un sector clave, no que traballan máis de 34.000 persoas en Galicia e que representa un 2,5% do PIB. "Queremos ofrecer un asesoramento profesional para que a ninguén lle falte información, para optimizar todas as posibilidades de axuda que se están a pór en marcha neste ano tan complicado para o sector”, destacou o titular de Cultura, que engadiu tamén o propósito deste servizo de “apoiar a competitividade dun sector de futuro, asesorando sobre temas como fontes de financiamento, plan de negocio, apertura de novos mercados ou internacionalización a moitas pequenas empresas que non teñen a estrutura administrativa necesaria para moverse con seguridade nestes eidos”.

Pola súa banda, José Carballo agradeceu “ao Conselleiro de Cultura e á Xunta de Galicia a confianza depositada un ano máis na Cámara de Comercio de Santiago para seguir levando a cabo o asesoramento e a consultoría ás empresas dos sectores culturais, para a resolución de todo tipo de dúbidas que poidan xurdir entre estes profesionais para a reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados do covid-19, así como para a impartición de actividades formativas para mellorar a competitividade destas industrias culturais”, puntualizou.

Programa formativo

As accións formativas arrancarán en abril e maio con dous programas intensivos -cada un de sete semanas de duración e que se realizarán integramente a través de streaming- centrados en transformación dixital e xestión das empresas culturais e en desenvolvemento de videoxogos. En cada curso participarán 25 mozos e mozas menores de 30 anos, que recibirán asesoramento personalizado sobre o seu proxecto.

Ao longo do ano desenvolveranse ademais outras cinco xornadas formativas, destinadas a dar a coñecer os programas europeos de apoio ao sector cultural, programas de apoio á internacionalización –como o FOEXGA–, ou á implantación de novas tecnoloxías –como o TicCámaras–; e tamén a afondar en fontes de financiamento, como o capital risco ououtros recursos das entidades financieras.

Asesoramento

Por outra banda, todas as persoas interesadas poden xa acceder ao servizo de asesoramento de xeito telemático –na web da Cidade da Cultura ou no enderezo [email protected]– ou presencial no Museo Centro Gaiás –os xoves e venres en horario de 10 a 14 horas–. Desde a súa posta en marcha en maio de 2020, o servizo atendeu un total de 67 consultas ou peticións de asesoría ata o remate do ano.

Comentarios
Cámara de Santiago e Xunta inician un programa de formación para empresas culturais