Convocatoria aberta ata o 30 de setembro

Ata 16.000 euros en incentivos á contratación: así é o novo Galicia Emprega

O Diario Oficial de Galicia publica este luns unha nova edición do programa Galicia Emprega, co que a Consellería de Emprego e Igualdade apoiará a contratación e a formación dunhas 1.200 persoas pertencentes a colectivos prioritarios -mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade e parados de longa duración-.
Ata 16.000 euros en incentivos á contratación: así é o novo Galicia Emprega
El operador R ha puesto en marcha una plataforma de teleformación dirigida a las empresas.
El operador R ha puesto en marcha una plataforma de teleformación dirigida a las empresas.

A convocatoria do programa Galicia Emprega conta cun orzamento de 12.150.00 euros, un 10,5% máis que en 2020. 11.650.000 euros destinaranse a incentivar a contratación por medio do apoio ás empresas co denominado bono incentivo e bono formación; e outros 500.000 euros para a liña de emprego con apoio, que financia parte dos custos das persoas de acompañamento que empresas, entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego incorporen para acompañar no desenvolvemento das habilidades sociais ou laborais das persoas con discapacidade ou risco de exclusión social contratadas.

As empresas ou persoas traballadoras autónomas disporán ata o 30 de setembro para solicitar os apoios. Trátase de favorecer os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación, mediante a incorporación de catro dos colectivos prioritarios (mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade e parados de longa duración) nos que a Xunta pon o foco cara a favorecer a súa empregabilidade.

Incentivos á formación e á contratación

Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto á contratación, incentívase con contías que van dos 6.000 aos 16.000 euros a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas menores de 30 anos, parados de longa duración, mulleres desempregadas e persoas con discapacidade ou risco de exclusión social. De 3.000 a 8.000 euros recibirán as firmas que incorporen a persoas destes colectivos mediante vinculación temporal. Estas contías incrementaranse nun 25% en empresas radicadas en concellos rurais, e na inserción de persoas maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas, entre outras. A Xunta tamén apoia a conversión dos contratos a indefinidos (máximo de 3.000 euros) e o incremento das xornadas (2.000 euros por aumentar ao 100% a xornada ordinaria).

En canto aos incentivos á formación, irán dos 2.000 aos 4.000 euros para contratos temporais e indefinidos iniciais, respectivamente, sempre que a formación teña unha duración mínima de 70 horas, se celebre nos tres primeiros meses da contratación e a empresa a solicite expresamente para a persoa pola que percibe o incentivo.

Galicia Emprega favorece o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 8.400 traballadores destes catro colectivos prioritarios. A Xunta investiu desde entón cerca de 40 millóns de euros a esta finalidade.

Emprego con apoio

Na mesma orde recóllense, de xeito complementario, as axudas do programa Emprego con apoio, cunha dotación global de 500.000 euros. Diríxense a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral; e mesmo empresas do mercado ordinario (tamén persoas traballadoras autónomas) que contraten persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Con esta liña, O Goberno galego sufraga parte dos custos laborais (máximo 8.500 euros anuais) dos apoios ou acompañamento a persoas con parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual e mesmo con discapacidade física ou sensorial, discapacidade auditiva ou persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Neste caso trátase de asegurar que estas persoas dispoñen da orientación, asesoramento e acompañamento axeitado no desenvolvemento de habilidades sociais e laborais. Contribúese tamén a fomentar o adestramento específico no posto a desenvolver, a avaliación da inserción e de guiar á empresa sobre as necesidades de adaptación do posto.

Ata 16.000 euros en incentivos á contratación: así é o novo Galicia Emprega