A través do Programa Integrado de Emprego 2019/20

A Asociación Área Empresarial do Tambre promove a inserción laboral de cen desempregados

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) ten en marcha a quinta edición do seu Programa Integrado de Emprego, financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A Asociación Área Empresarial do Tambre promove a inserción laboral de cen desempregados
Formación impartida no programa integrado de emprego "Tambre Traballa III".
Formación impartida nunha edición anterior do programa integrado de emprego "Tambre Traballa".

Nesta edición, a Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) traballa con 100 participantes, 65 mozos e mozas menores de 30 anos con baixo nivel de estudos e 35 mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos. O programa, que comezou o 15 de novembro de 2019 e se estenderá ata o 14 de novembro deste ano, conta tamén cunha dimensión formativa sobre motivación, habilidades comunicativas, idiomas ou informática, destinadas a mellorar a empregabilidade dos participantes.

Na presente edición as actividades formativas tiveron moi boa acollida e, a maior parte dos participantes xa realizaron máis de tres cursos. Desde o inicio do programa, executáronse 14 accións formativas,e nos dous últimos meses, debido á situación do estado de alarma pola pandemia do covid-19, desenvolvéronse seis accións por teleformación, cunha media de asistencia de 20 participantes por curso,para a especialización profesional e formacións transversais encamiñadas a mellorar a capacidade na procura de emprego e nos valores e habilidades persoais. Impartíronse dúas edicións dun curso sobre prevención de riscos laborais, e  outros cursos de intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e venda e marketing online, ademais dun obradoiro de entrevistas de emprego.

Actualmente, están activos o curso de inglés para atención ao público e devenda e marketing online. Outros participantes estiveron a realizar accións de xeito individualizado a través da plataforma de teleformación, completando e mellorando este aspecto do seu currículo para potenciar a súa empregabilidade.

Ademais, durante este período continuouse co servizo de orientación e asesoramento a través do correo electrónico, WhatsAppe vídeoconferencia por diversas plataformas. O obxecto desta orientación e intermediación laboral é axudar a potenciar a confianza, reforzar a motivación e enriquecer os contactos sociolaborais para a procura da inserción no mercado laboral. Así mesmo, esta orientación laboral individualizada serve para coñecer novas técnicas para a busca de emprego, realización de currículos ou a preparación de entrevistas de traballo.

Comentarios
A Asociación Área Empresarial do Tambre promove a inserción laboral de cen desempregados