Forma parte do Plan Integrado de Emprego “Tambre Traballa III”

A Área Empresarial do Tambre inicia un curso de xestión comercial para mellorar a empregabilidade de 12 desempregados composteláns

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) iniciou esta semana un curso de xestión comercial que se desenvolverá ata o 10 de abril coa participación de doce alumnos. Impártese de luns a venres no Centro Empresarial do Tambre en horario de 9:00 a 14:00 horas.

A Área Empresarial do Tambre inicia un curso de xestión comercial para mellorar a empregabilidade de 12 desempregados composteláns

A formación forma parte do Plan Integrado de Emprego “Tambre Traballa III”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos programas da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

O plan “Tambre Traballa III” está destinado a desenvolver unha serie de cursos de formación e actuacións de orientación e asesoramento para unha busca efectiva de emprego e a prospección en empresas, para coñecer in situ as necesidades que teñen e as compañías e adecuarse ás súas demandas.

O plan comezou a executarse o pasado mes de decembro coa participación de 85 persoas do Concello de Santiago, inscritas como desempregadas no Servizo Galego de Colocación. Neste primeiro trimestre de 2018 xa se impartiron tres talleres de busca de emprego aos que asistiron 55 alumnos e un curso de operario de almacén no que participaron 14 alumnos, e proximamente organizarase un curso de atención ao cliente.

A Asociación Área Empresarial do Tambre aposta decididamente pola formación continua como a “mellor vía para obter emprego”, convertendo a inserción laboral nunha das súas principais misións como asociación. Nun mundo tan competitivo e en permanente cambio, a asociación sinala que é imprescindible a “actualización de coñecementos e a adquisición de novas destrezas” para poder atopar un posto de traballo.

Comentarios
A Área Empresarial do Tambre inicia un curso de xestión comercial para mellorar a empregabilidade de 12 desempregados composteláns