A preinscrición, na web da Deputación de Pontevedra

Abre o prazo para inscribirse nas primeiras actividades formativas do "Labora 2020"

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a primeira fase do Proxecto “Labora 2020”, unha iniciativa que financian a institución provincial e o Fondo Social Europeo para mellorar a formación e a empregabilidade de desempregados pertencentes a colectivos especialmente vulnerables.
Abre o prazo para inscribirse nas primeiras actividades formativas do "Labora 2020"
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o proxecto "Labora 2020".
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o proxecto "Labora 2020".

“Labora 2020” está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas, outros colectivos desfavorecidos (nos que se inclúen, entre outras, vítimas de violencia de xénero ou de discriminación por orixe racial, orientación sexual e identidade de xénero, persoas con problemas de adicción, persoas sen fogar, solicitantes de asilo) e persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.

Os interesados en participar neste plan da Deputación de Pontevedra xa poden preinscribirse a través do formulario que atoparán na web da Deputación. O prazo para facelo estará aberto ata o inicio das primeiras accións formativas, que está previsto que comecen en novembro.  Nesta primeira fase,"Labora 2020" beneficiará a un total de 420 persoas de toda a provincia e desenvolverase en 12 concellos: Barro, Lalín, Cambados, O Porriño, O Grove, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Tomiño, Soutomaior, Cangas e Vilagarcía.

A finalidade do “Labora 2020” é a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados e personalizados para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas participantes, respondendo así mesmo ás necesidades locais xeradoras de emprego nos sectores con maiores oportunidades de crecemento e creación de traballo.

No que atinxe a esta primeira fase do proxecto, desenvolveranse sete dos once itinerarios previstos, cun total de 28 accións formativas, centradas en actividades auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, socorrismo en instalacións acuáticas, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións básicas de restaurante bar e competencias clave para a obtención do nivel 2 (lingua galega, lingua castelá e matemáticas).

Amais de estaren desempregadas, as persoas que poden optar a este programa deben estar empadroadas nalgún dos concellos de Pontevedra, non estar incapacitadas para o desenvolvemento da actividade e acreditar o cumprimento do nivel académico necesario para o acceso ao certificado de profesionalidade de elección.

O proxecto “Labora 2020” ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros e conta cunha financiación do Fondo Social Europeo 2014-2020 de 3,8 millóns. En total, está previsto que ata finais de 2021 se desenvolvan estas accións formativas en 16 concellos pontevedreses, e se beneficien desta iniciativa ata 855 persoas.

Abre o prazo para inscribirse nas primeiras actividades formativas do "Labora 2020"