Entrega de diplomas

Un 35% dos 85 participantes no plan de emprego da CEL xa foron contratados

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu o acto de entrega dos diplomas que acreditan a formación recibida polos participantes no plan integrado de emprego Lánzate E-Emprega Lugo.

Un 35% dos 85 participantes no plan de emprego da CEL xa foron contratados
Entrega de diplomas do programa integrado de emprego da CEL.
Entrega de diplomas do programa integrado de emprego da CEL.

Lánzate E-Emprega Lugo foi unha iniciativa desenvolvida pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que incluía accións de orientación laboral, prospección de emprego, formación, prácticas en empresas, tutelaxe e acompañamento individualizado no proceso de inserción laboral.

O plan contou cunha dotación económica total de 231.800 euros, cofinanciados entre a CEL (que achegou o 12% do orzamento) e Xunta de Galicia (o 88% restante).

O programa Lánzate e-Emprega Lugo vén desenvolvéndose na CEL dende decembro de 2017. Subdividíase en diferentes fases, desde un estudo o mercado laboral provincial inicial á propia selección dos participantes, que viñan de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, até a orientación, formación e inserción efectiva vía prácticas e contacto con empresas para a súa contratación.

Na última fase, que se está pechando nestas datas, xa se acadou que un 35% dos 85 participantes accedesen a un contrato de traballo e séguese traballando para facilitar a entrada de todos os beneficiarios do plan no mundo laboral.

No acto de entrega dos diplomas estiveron presentes Ramón Carballo Páez, xefe territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, e Jaime López, secretario xeral da CEL, que destacaron a importancia da cualificación deste programa de cara a mellorar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo.

Peso importante das accións formativas

Unha das fases con maior peso no plan de emprego foi a de formación, que se subdividía en transversal e específica e que podía recibirse vía teleformación ou presencial, dependendo das circunstancias dos participantes. A transversal, que tivo lugar nas instalacións do Centro de Formación da organización empresarial en Lugo e nos locais do Conservatorio do Concello de Viveiro, buscaba capacitar aos participantes en habilidades e técnicas de procura de emprego, informática e internet, procedementos telemáticos, inglés básico, técnicas de motivación persoal, emprendimiento, xénero e igualdade de oportunidades.

A específica foi deseñada pola CEL tendo en conta as necesidades das empresas da provincia en materia de contratación. Concretamente, dividiuse aos participantes do plan segundo a súa formación e intereses para capacitalos nas seguintes especialidades: Operario de Servizos Múltiples, Operacións Básicas de Restaurante e Bar, Silvicultura e Mantemento de Zonas Verdes e, Condutor de Mercadorías - Repartidor. 

Todos estes cursos específicos, de 240 horas de duración cada un, incluiron, ademais, un período do de prácticas non laborais en empresas relacionadas coas materias de referencia de cada acción. 

A maiores, e a petición expresa dos propios usuarios, engadiuse na fase final un curso específico e práctico de informática básica.

Asesoramento personalizado

O programa integrado de emprego Lánzate e-Emprega Lugo tamén incluía un proceso de asesoramento personalizado vía entrevistas individualizadas e sesións colectivas de orientación laboral, así como unha parte final, na que se atopa agora, de tutelaxe e acompañamento personalizado e individualizado a cada un dos participantes do plan no proceso de procura de emprego, co obxectivo de acadar a súa efectiva inserción laboral a través dun contrato de traballo.

Un 35% dos 85 participantes no plan de emprego da CEL xa foron contratados