PREOCUPADOS POLA FALTA DUNHA TARIFA ELÉCTRICA COMPETITIVA

Xunta e traballadores do sector critican a nova poxa de interrompebilidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu este mércores no Parlamento galego onde contrapuxo a inacción do Goberno central fronte ás propostas da Xunta para achegar solucións á industria electrointensiva.
Xunta e traballadores do sector critican a nova poxa de interrompebilidade
Unha anterior protesta da CIG en defensa dunha tarifa industrial para Galicia./CIG.
Unha anterior protesta da CIG en defensa dunha tarifa industrial para Galicia./CIG.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía sinalou que o Goberno central non ten cumprindo ningún compromiso con Galicia, e que mantén o silencio sobre o Estatuto dos consumidores electrointensivos. Este permitiría abaratar o prezo eléctrico ata os 35-40 euros por MWh e que as empresas compitan en igualdade co resto de Europa.

Tampouco se pronuncia o Goberno, segundo salientou Conde, sobre as medidas formuladas pola Xunta co respaldo do sector e do Parlamento galego. Estas medidas son de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, e a supresión do céntimo verde; e tamén inclúen a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso e a ampliación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO 2 . Desde Galicia tamén se propón o fomento da contratación a longo prazo de enerxía eléctrica, e apúntase á necesidade irrenunciable de incorporar a categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

O responsable de Economía, Emprego e Industria lembrou así mesmo que segue sen convocarse a mesa industrial solicitada xunto aos traballadores de Alcoa San Cibrao, e explicou que a poxa de interrompebilidade prevista para o primeiro semestre de 2020 é a máis baixa da historia. Unicamente se ofertan 1000 MW, cando no primeiro semestre de 2018 se convocaron 2600 MW, e unicamente se ofrecen 63 millóns de euros, cando no primeiro semestre de 2018 se concederon 186 millóns. Ademais, eliminarónse os bloques de 40MW, que son polos que poxan empresas como Alcoa.

Postura da CIG

A CIG tamén se amosa crítica coa actuación do Goberno central ante a problemática da industria electrointensiva galega. "A inoperancia do Goberno español, que leva meses e meses incumprindo as súas propias leis (non esquezamos que o RD 20/2018 establecía un prazo de seis meses para a posta en marcha do estatuto do consumidor electrointensivo) lévanos a unha nova poxa de interrompebilidade en peores condicións, e que só servirá para agravar a crise na que está sumida a industria electrointensivas a causa dos elevados custes do prezo da enerxía", sinala o sindicato nun comunicado.

Da nova poxa de interrompebilidade o sindicato critica que se eliminen os bloques de 40 MW (os máis importantes para a industria gran consumidora), recórtase á metade a potencia asignada e rebáixanse os importes. "Nestas condicións poderíase dar incluso a circunstancia de que Alcoa non concorra no proceso, favorecendo así ter unha escusa para aplicar máis axustes laborais e produtivos no complexo de San Cibrao", indica a CIG.

O sindicato insiste en que "un ano despois da publicación dese Real Decreto nada temos avanzado na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que favoreza o mantemento dos empregos e da actividade produtiva nas empresas con grandes consumos enerxéticos e que recoñeza o seu estatus específico". Ao contrario, denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "neste tempo vimos como pechaba a electrólise da fábrica de aluminio da Coruña, como Ferroatlántica formulaba un ERTE alegando o elevado custe da electricidade, ou como Alcoa San Cibrao anunciaba a parada de 52 cubas, sen descartar novos axustes se non hai un marco tarifario de maneira inmediata".

Amáis de participar na concentración que o comité de Alcoa San Cibrao convocou na tarde do mércores en Foz, a CIG voltarase concentrar o 10 de decembro, ás 11 horas, na Delegación do Goberno na Coruña. 

Comité de Ferroatlántica

Tamén o comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría manifestou o seu rexeitamente á nova poxa de interrompibilidade "ante o recorte dos MW ofertados". "Este novo escenario imposibilítanos competir con outros países europeos como Francia, Alemaña ou Noruega, os cales disfrutan de tarifas moito máis beneficiosas para a industria electrointensiva. Polo tanto vemos en serio risco a supervivencia das nosas fábricas e a continuidade dos postos de traballo". O comité anuncia mobilizacións, aínda que non concreta datas.

Comentarios
Xunta e traballadores do sector critican a nova poxa de interrompebilidade