COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO DE FACENDA NO PARLAMENTO

A Xunta prevé ofertar este ano unhas 3.000 prazas de emprego público

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou que a Xunta negociará coas organizacións sindicais a aprobación neste ano dunha oferta de emprego público que, como mínimo, iguale o número de prazas ofertadas en 2016, ao redor de 3.000 prazas.

A Xunta prevé ofertar este ano unhas 3.000 prazas de emprego público
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no Parlamento galego.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no Parlamento galego.

Na súa intervención no Parlamento galego durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos para 2017, o conselleiro explicou que se trata dunha “estimación prudente” que non ten en conta a posibilidade de que o Estado habilite ás comunidades autónomas para aumentar as taxas de reposición de efectivos públicos.

Valeriano Martínez explicou que os Orzamentos para 2017 manteñen a liña expansiva xa iniciada o pasado ano, e lembrou que a Xunta disporá duns 600 millóns de euros máis que en 2015. En concreto, a Administración galega contará este ano cun Orzamento de 9.063 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,9% sobre o de 2016.

Tamén detallou que a Xunta contará este ano cun nivel de recursos orzamentarios comparables en termos homoxéneos ao ano 2009. Nese exercicio “había un orzamento de 10.581 millóns, pero realmente estaba inflado, como probou a liquidación negativa que ese ano foi de 1.600 millóns de euros, polo que a capacidade real de gasto roldaba os 9.000 millóns de euros”, subliñou o conselleiro na súa intervención.

O titular de Facenda resaltou tamén que Galicia está no seu mellor momento económico dos últimos oito anos, xa que o Produto Interior Bruto (PIB) galego medra a un ritmo anual do 3,3% -máis que a economía española- e os principais indicadores macroeconómicos mostran unha evolución positiva. Con todo, incidiu en que “non están superadas todas as dificultades” e por iso estes Orzamentos teñen como principal obxectivo consolidar o crecemento económico e trasladar a recuperación a todos os fogares de Galicia.

Valeriano Martínez explicou que os Orzamentos da Xunta para 2017 apostan pola mellora do mercado laboral e a creación de postos de traballo, co obxectivo de seguir reducindo o paro a través de 20.000 novos empregos. As contas autonómicas tamén inclúen novas baixadas de impostos –centradas no eido rural e coa prioridade de fixar poboación-, ao tempo que reducen o déficit, incrementan os investimentos e reforzan o gasto social.

O gasto total da Xunta en 2017 aumentará en preto de 260 millóns de euros, segundo reflicte o proxecto de lei. A esta cantidade hai que sumar case 40 millóns de aforro nos xuros da débeda, polo que a capacidade de gasto medra en 300 millóns de euros. “Temos feito moito pero resta moito por facer”, explicou o conselleiro, que recalcou a importancia de contar cun Plan Estratéxico como folla de ruta ata 2020.

Entre as novidades incluídas nos Orzamentos da Xunta figura a reanudación do pago do complemento específico nas pagas extras ao conxunto dos empregados públicos da Administración galega, unha medida pactada coas organizacións sindicais e que beneficiará ao persoal da Xunta, da sanidade, o ensino, as universidades e o ensino concertado.

Financiamento autonómico

Finalmente, Valeriano Martínez fixo referencia á reforma do financiamento autonómico e avanzou que Galicia defenderá un debate centrado nas necesidades de financiamento dos cidadáns e non en principios identitarios. ”E apostamos por obxectivar custos para saber o que supón prestar servizos en cada territorio e que teñan idéntica calidade con independencia do lugar de residencia”, sinalou, ao tempo que lembrou que Galicia demandará na Conferencia de Presidentes de mañá que na revisión do modelo de financiamento autonómico haxa unha peza separada para sanidade. 

Comentarios
A Xunta prevé ofertar este ano unhas 3.000 prazas de emprego público