Reunión daI Mesa do Autónomo

A Xunta avalía co sector as medidas da Estratexia Autónomo 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Santiago na III Mesa do Autónomo, na que están representadas as principais asociacións do sector, para avaliar e consensuar as medidas da Estratexia Autónomo 2020 coa que o Goberno galego pretende mellorar as condicións destes traballadores e que Galicia sexa un lugar axeitado para emprender.

A Xunta avalía co sector as medidas da Estratexia Autónomo 2020
Xuntanza da III Mesa do Autónomo, en Santiago.
Xuntanza da III Mesa do Autónomo, en Santiago.

Conde destacou o diálogo fluído que a Xunta mantén co sector e apelou a seguir xuntos da man deseñando ferramentas para seguir fortalecéndoo. Explicou que o obxectivo da Mesa do Autónomo é dar resposta ao sector “nun novo ciclo económico que necesita respostas concretas para consolidar o crecemento e crear emprego estable”.

O titular de Economía explicou que a planificación, dotada con 40 millóns de euros ao ano para apoiar a 10.000 traballadores cada exercicio, busca coas 20 medidas que contén a incorporación de novas persoas ao sector facilitándolles mellores condicións e simplificando e axilizando a tramitación. Engadiu que o orzamento aumenta con respecto á pasada lexislatura nun 45%.

Entre as medidas innovadoras da Estratexia puxo en valor a ampliación a 12 meses máis da tarifa plana de 50 euros do Estado, cun investimento de 4 millóns, e a mellora da conciliación por maternidade ou paternidade aumentando 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada, cun orzamento de 2 millóns. Así mesmo, salientou a creación do Bono Autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade e o programa de relevo xeracional de cara a asegurar a continuidade de negocios solventes e favorecer a integración de persoas mozas no emprego autónomo.

Sinalou, así mesmo, a posta en marcha do Bono do Autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade para investir en servizos de mellora competitiva. Este bono está dirixido a autónomos cunha facturación inferior a 30.000 euros. Tamén explicou que a Oficina do Autónomo actuará como xanela única de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores disporán de toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.

Así mesmo, lembrou que o Goberno galego activou esta Estratexia con 20 millóns de euros para axudas ao establecemento como autónomo e para a contratación indefinida e indicou que en todos os programas as contías base incrementaranse nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares na que todos os seus membros están en paro e no caso de que o centro de traballo estea nun concello rural.

A Xunta quere con esta folla de ruta chegar en 2020 ás 20.000 persoas beneficiarias da tarifa plana; acadar os 6.000 beneficiarios da axuda á conciliación; incorporar 14.000 novas persoas ao emprego autónomo, delas 1.600 mozos; incrementar en 1.5000 os autónomos asalariados; formar a 4.000 traballadores; e que 4.000 persoas utilicen o Bono.

A Comunidade con más autónomos

Conde indicou que a Xunta pretende, en definitiva, seguir impulsando o diálogo co sector e fortalecelo. Galicia é na actualidade a comunidade con máis autónomos de España (1 de cada 4), cun emprego autónomo máis estable que na media de España, estando por riba nas iniciativas de máis dun ano, e a que máis apoios públicos presta. “Queremos crear o clima axeitado para que os autónomos conten co acompañamento da Xunta na súa actividade”, rematou.

A Xunta avalía co sector as medidas da Estratexia Autónomo 2020