Medidas incluídas na súa Estratexia Autónomo 2020

A Xunta aproba o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo

O Consello da Xunta acaba de aprobar dúas novas medidas da súa Estratexia Autónomo 2020: o Bono Autónomo, no que investirá 3 millóns de euros, e a Oficina do Autónomo, un portelo único para facilitar a tramitación administrativa das súas solicitudes.

A Xunta aproba o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo

O Bono Autónomo apoiará con ata 3.000 euros por traballador a consolidación da súa empresa para aquelas que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses e unha facturación mínima de 12.000 euros. Son os principais requisitos desta medida coa que se prevé beneficiar 1.000 persoas, que gañarán en profesionalidade, desenvolvemento estratéxico e competitividade. A Xunta anticipará o 100% da contía.

Para seren beneficiarios do bono, os traballadores poderán ter acceso gratuíto a servizos de apoio para saber onde necesitan mellorar, unha diagnose que realizarán os profesionais da Rede de técnicos de emprego ou do Igape. Co cheque poderanse contratar servizos de mellora de xestión financeira, de optimización de procesos de produción e cadea loxística, relanzamento comercial, imaxe e comunicación e posicionamento na web. O bono tamén se poderá empregar en plans de mellora empresarial, márketing, redefinición do modelo de negocio e identificación de socios e redes de cooperación ou no financiamento de servizos que lles permitan afrontar novos retos.

A Xunta xa conta con axudas para a promoción do emprego autónomo, pero esta nova medida busca que as empresas creadas conten cos mecanismos necesarios para crecer e ampliar a súa actividade cara a novos mercados para favorecer a creación de novos postos de traballo.

Para tamén axudar á consolidación da actividade empresarial e ao inicio da posta en marcha de novos proxectos, ponse en marcha nunha primeira fase a Oficina do Autónomo no enderezo www.oficinadoautonomo.gal, que actuará como portelo único onde os interesados poderán obter información en relación co estado e progresos dos seus expedientes abertos con calquera órgano ou unidade da propia Administración galega. Estímase unha atención media de 2.000 persoas ao ano.

Esta oficina, polo tanto, será un punto unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático onde tamén se mostrará toda a información sobre as axudas aos autónomos.

A Xunta aproba o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo