Nos seis primeiros meses do ano máis de 11.000 sinistros e 28 falecidos

UGT-Galicia reclama medidas urxentes contra a sinistralidade laboral

Nos seis primeiros meses de 2020 rexistráronse en Galicia un total de 10.520 accidentes laborais, máis outros 973 “in itinere”, e 28 persoas
falecidas, só unha menos que no mesmo periodo de 2019, a pesar do parón económico causado pola pandemia de covid-19.
UGT-Galicia reclama medidas urxentes contra a sinistralidade laboral
A construción é o segundo sector por número de accidentes, trala industria manufactureira.
A construción é o segundo sector por número de accidentes, trala industria manufactureira.

Son datos do Ministerio de Traballo difundidos este venres por UGT-Galicia, que urxe tomar medidas "porque a sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade", opina o sindicato.

UGT-Galicia alerta de que nos seis primeiros meses do ano, a pesar de incluir dous meses e medio de estado de alarma, cunha forte paralización da actividade económica, e despois a desescalada, na que aínda non se está ao cen por cento, rexistráronse en Galicia un total de 10.520 accidentes laborais, máis 973 “in itinere”. Deste total, 207 tiveron o carácter de graves (189 se se exclúen os accidentes “in itinere”) e tiveron como resultado 28 persoas falecidas (sumados os datos de xornada e “in itinere”). En relación aos accidentes leves, estes foron 11.258 nos cinco primeiros meses do ano, dos cales 954 foron “in itinere”.

Galicia é a segunda Comunidade que máis accidentes graves rexistra, só superada por Andalucía, unha comunidade que pola súa dimensión e actividade laboral supera con creces a galega. A xuízo do sindicato, tamén resulta moi preocupante a análise da sinistralidade segundo os índices de incidencia, é dicir, tendo en conta a poboación asalariada. Así, Galicia rexistra un índice de incidencia en media mensual de accidentes mortais de 0,463, moi superior á media estatal, do 0,270, e só superado este índice polas comunidades autónomas de Castela e León, Castela - A Mancha, Cantabria e La Rioja.

Por provincias, é a da Coruña a que máis sinistros rexistra, un total de 4.990; seguida de Pontevedra, con 4.029 accidentes; despois Ourense, con 1.253; e, finalmente, Lugo, con 1.221. En canto ós falecidos, 10 foron na provincia da Coruña, 11 na de Pontevedra e os sete restantes na de Lugo. 

Segundo a actividade económica, son tres as que rexistran un maior índice de accidentes, a industria manufactureira (3.075 accidentes); construción (1.614); e o comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos (1.468).

UGT-Galicia considera prioritario poñer freo ao alarmante e incesante goteo de mortes no traballo que se están producindo durante os últimos meses. Para o sindicato "é evidente que nestes momentos está a deixarse de lado a prevención de riscos laborais nas empresas, o que está a provocar que os accidentes continúen".

Infradeclaración dos accidentes mortais pola COVID-19 entre o persoal sanitario e sociosanitario

Por outra banda, as estatísticas oficiais só rexistraron en todo o Estado 13 accidentes mortais entre o persoal sanitario e sociosanitario causados pola COVID-19, pero faleceron 63 ata o 5 de xuño, segundo os propios datos do Ministerio de Sanidade, co cal demóstrase que persiste a infradeclaración dos mesmos. O contaxio por COVID-19 entre o persoal sanitario e sociosanitario é recoñecido como accidente de traballo para todos os efectos. Desde UGT reivindican que sexa cualificado como enfermidade profesional, en lugar de como accidente de traballo e non só para o persoal sanitario e sociosanitario, senón para persoas que se ocupan da prevención, asistencia médica e actividades nas que se probou un risco de infección.

Propostas

Neste contexto, UGT-Galicia reafírmase na idea de que para mellorar a prevención de riscos e reducir os danos á saúde producidos polo traballo é necesario acabar coas desigualdades e para lograr este obxectivo propón abrir cauces de diálogo tanto a nivel do Estado como en Galicia en materia de sinistralidade para acordar medidas urxentes que poñan fin a esta situación; articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral de xeito inmediato; reforzar a Inspección de Traballo para controlar o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais nos centros de traballo; e crear a figura do delegado ou delegada territorial ou delegados sectoriais para mellorar a prevención de riscos laborais nas pequenas e medianas empresas.

Comentarios
UGT-Galicia reclama medidas urxentes contra a sinistralidade laboral