Enmarca a decisión da empresa nun proceso de deslocalización industrial

UGT-FICA Galicia rexeita o peche de Vestas en Viveiro

UGT-FICA Galicia, xunto con UGT-FICA Costa Lucense e a Sección sindical de UGT-FICA Vestas, manifestan "o seu máis frontal e absoluto rexeitamento" ao peche da factoría que Vestas ten en Viveiro (Lugo), que suporía a perda de 115 postos de traballo.
UGT-FICA Galicia rexeita o peche de Vestas en Viveiro

Declara o sindicato UGT-FICA que o posible peche de Vestas en Viveiro supón "unha dura labazada para unha comarca xa moi castigada", en referencia á situación de Alcoa-San Cibrao. 

Á espera de que a empresa danesa inicie o período de consultas e información relativo a este anuncio de peche, UGT-FICA, sindicato maioritario e que ostenta a presidencia do comité de empresa, insta á Xunta, "que non pode esquecer que ten competencias en materia de industria", e ao Goberno central" a que se impliquen e comprometan na busca dunha solución para esta situación concreta e para poñer freo ó goteo continuo de perda de emprego industrial nesta Comunidade".

Un centro de traballo rendible

O sindicato non entende a decisión do fabricante de turbinas eólicas de pechar a planta de Viveiro "nun momento no que se anuncia a instalación de novos parques eólicos, no que as apostas parecen claras cara un sistema enerxético máis sustentable medioambientalmente e, ademais, cando se está a falar dun centro de traballo rendible que nunca presentou balances económicos negativos". "Estase a falar dun conxunto de traballadores e traballadoras altamente cualificados e produtivos, que se foi adaptando sempre ás novas esixencias do mercado, e que converteu á planta de Vieiro nun centro de referencia, como así o recoñeceu a dirección de Vestas en innumerables ocasións", sinalan desde UFT-FICA.

Deslocalización de industrias

UGT-FICA denuncia que detrás deste anuncio, como xa sucedera con Siemens- Gamesa en As Somozas, "hai unha clara intención deslocalizadora cara outros puntos xeográficos". "Unha práctica habitual que están a poñer en marcha moitas empresas, para aforrar custes, á que as administracións, neste caso a galega e a central, teñen que poñerlle freo xa", reclama o sindicato. "Non se pode seguir permitindo que, primeiro as administracións faciliten a actividade de determinadas empresas con subvencións e outro tipo de facilidades para a súa actividades e, despois, estas decidan trasladar a súa produción sen unha explicación produtiva e industrial clara, simplemente por un aforro de determinados custos", engade o seu comunicado.

UGT-FICA anuncia que traballará "firmemente" para evitar o peche de Vestas-Viveiro, a través das negociacións coa propia empresa, os encontros coas administracións e recorrendo á mobilización e presión se a empresa continúa adiante coa decisión de peche

UGT-FICA Galicia rexeita o peche de Vestas en Viveiro