Este xoves 12 de xaneiro

UGT e CIG convocan folga en Televés

Os sindicatos UGT e CIG acordaron a convocatoria dunha xornada de folga na empresa Televés o vindeiro día 12 de xaneiro, logo de máis dun ano de negociacións do convenio colectivo dos centros que Televés ten na provincia da Coruña sen que se teña rexistrado ningún tipo de avance.

UGT e CIG convocan folga en Televés
A folga afecta aos centros de Televés na provincia da Coruña.
A folga afecta aos centros de Televés na provincia da Coruña.

Para xustificar esta folga, UGT e CIG denuncian a "posición inamovible e intransixente da empresa ao negarse a garantir o poder adquisitivo dos seus traballadores e traballadoras".

Os centros afectados pola convocatoria de folga son todos os que Televés ten na provincia da Coruña, Conxo (Santiago), Volta do Castro (Santiago), Polígono do Tambre (Santiago), Polígono do Oroso (Sigüeiro-Oroso) e Polígono do Oroso-Pequeno (Sigüeiro-Oroso).

Ademais, ambos sindicatos anuncian que, se antes do día 23 deste mes non se pecha un acordo no que se atendan as reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Televés, que pasan por garantir o poder adquisitivo, a partir desta data iniciarase unha folga indefinida.

Dende UGT e CIG precísase que ambas convocatorias contan co apoio maioritario do persoal da empresa, xa que a decisión foi respaldada en asemblea cun 94% dos votos a favor.

UGT e CIG convocan folga en Televés