A CIG denuncia que Naturgy non contou con eles para o desmantelamento da térmica

Traballadores das auxiliares de Meirama mobilízanse para esixir alternativas de emprego

A CIG realizou unha concentración este mércores diante da central térmica de Meirama para esixir alternativas de emprego para o persoal das auxiliares, que onte recibían a carta de despedimento sen teren perspectiva de recolocación
Traballadores das auxiliares de Meirama mobilízanse para esixir alternativas de emprego
Protesta de traballadores auxiliares da central de Meirama/CIG.
Protesta de traballadores auxiliares da central de Meirama/CIG.

Segundo a CIG, "a falta de compromiso por parte de Naturgy chega até o punto de que a eléctrica nin sequera conta con estes traballadores para as obras de desmantelamento da central, que se prolongarán polo menos durante os próximos catro anos". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que tanto as auxiliares como Naturgy "negáronse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo nas contratas", deixándolles como única saída ir ao paro.

"Non resulta entendíbel que, habendo actividade inminente na central nas tarefas de desmontado, este persoal entre hoxe no desemprego e Naturgy siga facendo o que lle pete sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado pola produción de enerxía", afirma Carril.

Xunto a isto, o sindicalista critica que, a pesar de que hoxe se efectiviza o peche das instalacións, o Goberno español aínda non concretou que proxectos e medidas pode haber para a comarca dentro da estratexia de transición, nin se avanzaron plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e das traballadoras. E iso que a térmica de Meirama foi unha das primeiras para as que se anunciou o cese da actividade.

Neste senso, Carril advirte que a chamada descarbonización da economía no noso país está sendo “un proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición” e denuncia que “en realidade, estamos asistindo a unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que xa vivimos”. Diante disto, urxe ás administracións a presentar solucións para que esta transición sexa "realmente xusta e democrática, no social e no territorial".

Carril tamén acusa a Xunta de "deixamento de funcións" pois, a pesar de ter competencias en materia de emprego e industria, "está máis preocupada por garantir a posición de privilexio de Naturgy que por buscar solucións e proxectos de reindustrialización para a bisbarra". 

Traballadores das auxiliares de Meirama mobilízanse para esixir alternativas de emprego