Os sindicatos trasladan as súas reivindicacións a través das redes

Os traballadores galegos celebran un Primeiro de Maio atípico

A crise do coronavirus marca as celebracións deste Primeiro de Maio, no que as manifestacións nas rúas se transformaron en concentracións virtuais.

Os traballadores galegos celebran un Primeiro de Maio atípico
José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia.
José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia.

Comisións Obreiras de Galicia e UGT-Galicia celebraron este Primeiro de Maio baixo o lema “Traballo e servizos públicos. Outro modelo social e económico é necesario”.  As súas demandas xiran este ano ao redor dunha maior protección para as persoas e un recoñecemento aos traballadores dos servizos esenciais.

Os dous sindicatos estatais poñen enriba da mesa a necesidade de crear unha rede de protección “para todos aqueles que non reciben ningún tipo de percepción e están nunha situación de penuria extrema” en referencia á creación dunha renda mínima vital.

Este Primeiro de Maio CCOO e UGT poñen en valor o papel dos traballadores sanitarios, de servizos de limpeza, forestais, persoal de loxística, supermercados, comunicacións, agricultores, industria alimentaria, asistencia domiciliaria ou persoal de residencias “que arriscan as súas vidas para que este confinamentoo sexamáis levadeiro e permita que a cidadanía goce dos servizos esenciais”.

Finalmente, os dous sindicatos reivindican un novo modelo económico e social "cuxa prioridade sexan os dereitos e o benestar das persoas". Urxen condicións de traballo dignas e salarios suficientes e ambos sindicatos denuncian as reformas "que se fixeron para devaluar e precarizar o emprego".

CIG

A CIG conmemora este ano Día Internacional da Clase Traballadora “en condicións especiais, pero co carácter combativo e reivindicativo de sempre”. Precisamente, o lema escollido pola CIG, "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro", apela á necesidade de contármonos con medidas que garantan a saúde ante a pandemia de coronavirus, mais tamén á urxencia de virar as políticas para que a crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria non volva recaer sobre a clase traballadora e as maiorías sociais. 

"Non podemos permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a maioría do pobo pola aplicación indiscriminada de ERTEs e despedimentos masivos, sen resolver  o cobro puntual do paro,  sen protección social plena, sen  as necesarias medidas de seguridade e sen garantir un emprego e salarios dignos", valora Paulo Carril, secretario xeral da CIG.

O sindicalista entende que o camiño para facer posible “vivir e traballar dignamente na nosa terra, comeza pola derrogación íntegra das reformas laborais e sociais, reverter o desmantelamento dos servizos públicos, asegurar un financiamento público pola vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas ou promover o retorno ao sector público de sectores estratéxicos da economía que están en mans privadas”.

Os traballadores galegos celebran un Primeiro de Maio atípico