Contempla a ordenación de case 650.000 metros cadrados de solo empresarial

Tomiño presenta o proxecto de Polígono Agroindustrial Transfronteirizo á conselleira Ethel Vázquez

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron este luns en Pontevedra un encontro de traballo no que a rexedora tomiñesa explicou de primeira man á responsable da Xunta o proxecto do Polígono Agroindustrial Transfronteirizo.

Tomiño presenta o proxecto de Polígono Agroindustrial Transfronteirizo á conselleira Ethel Vázquez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O Concello de Tomiño aprobou por unanimidade en agosto o inicio da tramitación da modificación puntual do PXOM para crear o Parque Agroindustrial Transfronteirizo, que contempla a ordenación de case 650.000 metros cadrados de solo empresarial, o que permite a ordenación de máis de 150.000 metros cadrados para actividades empresariais existentes e a xeración de case 500.000 metros cadrados de novo solo empresarial. O polígono estará situado en Figueiró, preto da Ponte Internacional e cunha posición xeoestratéxica única no contexto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, segundo destacan desde o consistorio tomiñés.

O proxecto inclúe ademais unha importante vertente medioambiental, xa que se contempla o correcto dimensionamento das infraestruturas hidráulicas da zona e a mellora do sistema hídrico para recuperar as canles naturais dos regatos que foron pechadas, evitando así as inundacións periódicas que se padecen na actualidade nesta área.

O Parque Agroindustrial Transfronteirizo foi presentado nunha reunión en marzo de 2021 ao entón vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. O proxecto foi incluído na manifestación de interese de proxectos que a Xunta enviou ao Goberno central para execución cos fondos Next Generation. Foi presentado tamén a asociacións de empresarios da Eurorrexión e conta co apoio expreso da Cámara de Comercio de Tui, Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Associação Empresarial de Viana do Castelo.

Tomiño presenta o proxecto de Polígono Agroindustrial Transfronteirizo á conselleira Ethel Vázquez