Piden melloras nos protocolos de prevención e que se fagan test de detección

Os sindicatos, preocupados polas medidas de protección aplicadas en persoal sanitario, do comercio e da construcción

Os tres sindicatos de maior presenza en Galicia saíron este venres a reclamar máis medidas de protección para evitar contaxios no persoal sanitario e nos traballadores do sector comercio e da construcción.
Os sindicatos, preocupados polas medidas de protección aplicadas en persoal sanitario, do comercio e da construcción
Medidas de protección de los trabajadores en un supermercado gallego./BAP.
Medidas de protección nun supermercado galego./BAP.

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia esíxelle ao Sergas que regule instrucións para minimizar os riscos de contaxio na atención primaria. O sindicato lembra que a atención primaria é "a primeira porta de acceso" ao sistema sanitario e os profesionais que alí traballan deben levar os equipos de protección individual (EPI) axeitados. A realidade, porén, é que a protección de que dispoñen non é a adecuada para desenvolver o seu cometido, destacan desde CCOO-Sanidade.

CCOO-Sanidade denuncia que o Sergas obriga o persoal que acode ao domicilio de persoas que deron positivos en coronavirus —ou que se sospeita que o poden ser— nos seus vehículos particulares, cunha máscara cirúrxica que non serve para a súa protección —non é unha barreira para o contaxio— e cunha bata que non cobre totalmente a súa roupa. Tras realizar o seu traballo, este persoal debe regresar no seu vehículo, sen dispoñer dun lugar para mudar a roupa —que pode estar contaminada—, e sen lles garantir a desinfección do seu vehículo —que en moitos casos é compartido con outras persoas do seu círculo.

CCOO tamén denuncia a "ineficacia" do protocolo de traslados en ambulancia cos casos sospeitosos de covid-19 desde o medio rural ata o hospital de referencia. 

Desde CCOO insisten en que cando se realizan técnicas extrahospitalarias de calquera tipo, "onde non controlamos o escenario de actuación, necesitamos un alto nivel de seguridade para desenvolver o noso traballo e unha axeitada protección que garanta a saúde do persoal".

Test para o sector comercio

A Federación galega de Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC-UGT-Galicia) esixe a realización de test de detección de covid-19 a todos os traballadores e traballadoras do sector do comercio galego. Os establecementos comerciais (supermercados e grandes superficies) están a ser agora mesmo un dos lugares de maior interacción social e, polo tanto, deben ser unha prioridade á hora de tomar medidas co fin de diminuír o número de contaxios.

O sindicato considera que é urxente a realización de test de detección entre este persoal. O contacto continuo e próximo, tanto cos clientes, como co persoal de loxística ou subcontratas, unido á falta en moitos casos do material de protección necesario, multiplica a situación de risco á que se ven expostos cada día. 

A FCM denuncia que se empregue o persoal da construción como "ratas de laboratorio" para a volta á actividade

Logo do retorno á "actividade normal" no sector da construción, desde a Federación de Construción e Madeira da CIG pregúntanse que mudou realmente que xustifique o retorno da construción á actividade baixo unha falsa aparencia de normalidade. Se ben en certas empresas si se adoptaron medidas, en boa parte do sector "seguen exactamente igual que antes da crise, facendo as viaxes ás obras amoreados nos mesmos vehículos, e sen distribuír os EPI necesarios, sexa por desidia ou por falta de abastecemento".

"Polo que imos verificando", aseguran os responsábeis da Federación, "o sector aínda non reúne os mínimos elementos de seguridade que xustifiquen o retorno á actividade". Denuncian que a volta ao traballo foi precipitado e que ademais levou a que ou ben milleiros de traballadores volven a estar expostos ao virus, ou ben que as empresas iniciaron o que xa definen coma unha "segunda avalancha de ERTE", pois as comunicacións desta medida volveron dispararse esta semana.

Ademais, a FCM denuncia que por unha parte os operarios están obrigados a volver ás obras pero debido á paralización da hostalaría non teñen ningún sitio no que parar a comer nin, de ser necesario, a durmir.

Os sindicatos, preocupados polas medidas de protección aplicadas en persoal sanitario, do comercio e da construcción