Un selo de calidade para a madeira de piñeiro con orixe galega

O sector estrea a marca "Pino de Galicia"

A Fundación Arume presentou en Santiago, no I Encontro Intersectorial do Piñeiro de Galicia organizado en colaboración coa Xunta de Galicia, a marca "Pino de Galicia", un selo de calidade que busca impulsar a competitividade das empresas galegas do sector da madeira.
O sector estrea a marca "Pino de Galicia"
O selo "Pino de Galicia" presentouse no I Encontro da madeira.
O selo "Pino de Galicia" presentouse no I Encontro Intersectorial do Piñeiro de Galicia celebrado en Santiago..

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou da marca "Pino de Galicia" que contribuirá a xerar valor a través da innovación e a preservar os piñeiros galegos como fonte de riqueza ambiental, social e económica para o medio rural.

Este distintivo, promovido pola Fundación Arume, vén de certificar o cumprimento dun triplo compromiso no sector forestal, tanto coa orixe e trazabilidade da madeira, como coa sustentabilidade do monte –apoiada nos selos de certificación FSC e PEFC– e coa calidade, poñendo en valor o traballo de silvicultores e industrias.

“É un paso moi importante para seguir traballando nunha marca que nos diferencie e que, polo tanto, poidamos realmente posicionarnos nun sector que está chamado a ser o líder do proceso de transformación desde o punto de vista da sustentabilidade, a economía circular e da industria forestal”, indicou.

Neste contexto, o vicepresidente económico puxo de manifesto a aposta de Galicia pola madeira, incentivando a promoción de produtos locais como o piñeiro; a súa utilización na construción; a fabricación de embalaxes; a dixitalización dos procesos; a ecoinnovación; o uso da biomasa para revalorizar os residuos; o apoio ao sector do contract; ou a formación. Un conxunto de actuacións aos que a Administración autonómica dará continuidade nos orzamentos de 2022 a través dun investimento de 15 millóns de euros.

Interese forestal

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou a ampla demanda que existe en Galicia de terras para uso forestal, e que foi posta en valor a través da Manifestación de Interese que a Xunta trasladou ao sector. Neste sentido, subliñou que houbo unha importante superficie solicitada para este uso, concretamente 1.435 hectáreas xeolocalizadas.

Nesta mesma liña, González avanzou tamén que antes de que remate o ano estarán dispoñibles xa os modelos de estatutos para poder impulsar a implantación da figura das agrupacións forestais de xestión conxunta, contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta ferramenta, salientou o conselleiro, traerá consigo melloras fiscais para impulsar esa xestión conxunta.
 

O sector estrea a marca "Pino de Galicia"