SEA xa dispón de 45.000 metros cadrados na zona

A puxanza económica do Baixo Miño abre á porta a un polígono compartido entre O Rosal e A Guarda

Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) amosou este mércores a súa vontade de crear solo empresarial compartido entre os municipios de A Guarda e O Rosal de haber demanda real entre entre o empresariado.
A puxanza económica do Baixo Miño abre á porta a un polígono compartido entre O Rosal e A Guarda
Xuntanza dos alcaldes da Guarda e O Rosal e a xerente de SEA con representantes empresariais do Baixo Miño.
Xuntanza dos alcaldes da Guarda e O Rosal e a xerente de SEA con representantes empresariais do Baixo Miño.

Así o expresou a xerente de Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, nun encontro con preto de medio cento de representantes do sector empresarial organizado en colaboración entre os concellos do Rosal e A Guarda. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, presentaron os resultados do informe económico elaborado por ambos concellos, que reflicte a puxanza económica da zona pero tamén a saída diaria de principalmente mulleres para traballar en empresas do norte de Portugal.

Durante o encontro, Sestayo amosou a vontade clara da entidade, dependente do Ministerio de Transporte a través de Sepes, de impulsar o desenvolvemento económico de Galicia coa creación dun solo industrial e empresarial, para o que será necesario “testar a demanda real e coñecer as expectativas e o interese empresarial”.

Informe empresarial

Na reunión expúxose parte do informe empresarial encargado polos concellos e realizado polo profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez, Cobas, e no que se recolle a presenza de ata 4.000 empresas no Baixo Miño, 1.300 situadas no Rosal e na Guarda. Ata 42 empresas facturan máis dun millón de euros na Guarda, vinculadas especialmente á pesca ou á transformación pesqueira, en cifras similares ás do Rosal pero, neste caso, máis relacionadas coas bodegas vitivinícolas.

A percepción actual xira en torno a dúas necesidades básicas, como son as conexións e o solo industrial, co obxectivo de ofrecer alternativas de solo que permitan reducir riscos urbanísticos e medioambientais.

En canto ao contexto económico actual, incidiu no feito de que se percibe unha importante mobilidade laboral de traballadores cara ao norte de Portugal, en concreto, ata o 62%, de mulleres que, na súa maioría, están empregadas na industria. O lugar de procedencia maioritario é A Guarda, Tomiño e O Rosal e o destino de traballo é o de Vilanova de Cerveira.

Necesidade de solo

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, defendeu que o polígono “é fundamental para o desenvolvemento empresarial do Baixo Miño porque hai unha necesidade real nunha poboación activa, e con moito emprendemento e que non se pode desenvolver pola falta de solo”. Ademais, puxo en valor a necesaria “sostibilidade ambiental” que suporá poder desenvolver este solo industrial, no marco da Axenda 20-30, en paralelo a xerar riqueza e favorecer o asentamento poboacional na zona.

Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, incidiu en que “o polígono empresarial é fundamental para esta zona, para ter un desenvolvemento económico necesario para poder ofrecer posibilidades para que se implanten aquí empresas e, sobre todo, para que a xente máis nova poida desenvolver aquí o seu proxecto vital sen ter que marchar”.

O polígono ocuparía o solo sito nas parroquias de Gándara na Guarda e de A Cunchada no Rosal, no límite entre ámbolos dous concellos. SEA xa dispón de 45.000 metros cadrados de superficie, adquiridos no 2004 (o 17% do total estimado) ante a posibilidade de desenvolvemento dun polígono industrial, que quedou paralizado pola crise. Tamén conta dende o 2007 cun proxecto sectorial da posible área industrial.

A puxanza económica do Baixo Miño abre á porta a un polígono compartido entre O Rosal e A Guarda