Para pemes, familias e corporacións locais

O Plan Activamos Ourense ofrece 21 millóns de euros en financiamento

A Deputación de Ourense e Abanca veñen de renovar, por quinto ano, o convenio para a posta en marcha do Plan Activamos Transforma Ourense, que facilita o acceso a financiamento a pemes, autonómos, familias e corporacións locais da provincia ourensá.

O Plan Activamos Ourense ofrece 21 millóns de euros en financiamento
Santiago Novoa, Manuel Baltar e Rubén Saavedra, trala sinatura do convenio do Plan Activamos Ourense./P.L.
Santiago Novoa, Manuel Baltar e Rubén Saavedra, trala sinatura do convenio do Plan Activamos Ourense./P.L.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, foron os encargados de renovar o acordo do Plan Activamos.  Estiveron acompañados polo director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, quen sinalou que se trata dunha “alianza estratéxica” entre ambas entidades “que nos vai permitir seguir impulsando o desenvolvemento económico e social da provincia a través do crédito”.

Serán 21 millóns de euros os que se poñan a disposición de pequenas e medianas empresas, familias e concellos ourensáns, en condicións ventaxosas.  Un “compromiso de mínimos” que se poderá ampliar en función da demanda, segundo adiantou Santiago Novoa.

Rubén Saavedra, pola súa banda, detallou as novidades desta quinta edición do Plan Activamos. En concreto, haberá seis liñas de financiamento dirixidas a pemes e autónomos, unha delas novidade: a de internacionalización, que facilitará apoios de entre 10 e 60.000 euros. Asemade, mantéñenese as liñas de apoio ao emprendemento, dotadas cun máximo de 200.000 euros por proxecto; para novos investimentos, con ata 600.000 euros; para a creación de emprego, 30.000 euros por proposta; crédito para circulante, ata 200.000 euros, e finalmente financiamento para mellora da eficiencia enerxética, tamén ata 200.000 euros.

As familias ourensás poderán optar a cinco tipo de préstamos, para financiar a compra de equipamentos tecnolóxicos, de vehículos eficientes, para formación, para melloras de eficiencia enerxética e para rehabilitación de vivendas no rural.

Finalmente, para as corporacións locais están deseñadas catro liñas de financiamento: préstamos para investimentos, para circulante, para avais e confirming.

Case 90 millóns concedidos

Nas súas catro edicións anteriores, o Plan Activamos concedeu na provincia de Ourense aoiou máis de 3.150 empresas, familias e concellos con 89,4 millóns de euros en crédito. A maior parte dos préstamos foron para pemes e autónomos (83,4 millóns), dos cales 50,4 millóns se destinaron a financiar circulante e outros 33 millóns para relaizar novos investimentos, proxectos de emprendemento e de mellora da eficiencia enerxética.

Unhas cifras que para o presidente da Deputación Provincial son “feitos e realidades que avalan o éxito deste plan”. Manuel Baltar remarcou a colaboración de Abanca cos proxectos do seu Goberno provincial, como recentemente coa renovación do Plan ChegOU.  

O Plan Activamos Ourense ofrece 21 millóns de euros en financiamento