Abanca e Deputación de Pontevedra renovan o acordo

O Plan Activamos oferta 50 millóns en crédito para pemes, familias e concellos de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e Abanca presentaron a quinta edición do Plan Activamos, que compromete unha nova liña de crédito de 50 millóns de euros para financiar a pemes, autónomos, familias e corporacións locais da provincia.

O Plan Activamos oferta 50 millóns en crédito para pemes, familias e concellos de Pontevedra
Santiago Novoa, Carlos López Font, e Carmen Fernández trala sinatura do Plan Activamos
Santiago Novoa, Carlos López Font, e Carmen Fernández trala sinatura do Plan Activamos

O programa incorpora este ano novidades co obxectivo de seguir impulsando o desenvolvemento socioeconómico de Pontevedra a través de créditos con condicións especiais. Entre elas, destaca unha nova liña dirixida a financiar a internacionalización de pemes e autónomos da provincia, con préstamos ‘brandos’ para apoiar a entrada en novos mercados do exterior.

O deputado provincial Carlos Font e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, rubricaron o protocolo que recolle o compromiso de financiamento para esta edición e as diferentes liñas de crédito ofertadas, durante un acto no que tamén participou a directora territorial do banco en Pontevedra, Carmen Fernández. Tras expoñer as principais novidades do programa, aproveitaron para presentar as cifras alcanzadas durante a última edición e facer balance do programa desde a súa posta en marcha en 2014.

Balance

De acordo cos datos presentados, o Plan Activamos 2018 posibilitou a inxección na provincia de 47 millóns de euros en crédito, a través dun total de 1.899 operacións. Desde o seu inicio, este programa financeiro suma en Pontevedra 221,8 millóns de euros en volume de crédito, cun total de 9.549 operacións, destinadas na súa gran maoría a financiar investimentos ou atender necesidades de tesourería de emprendedores, pemes e autónomos da provincia.

O deputado Carlos Font agradeceu a Abana “o seu compromiso co territorio e coa provincia” e puxo en valor “un plan que está totalmente consolidado, ben aceptado e a importancia da cifra da que estamos a falar o di absolutamente todo. Por todo isto quero recoñecer a nosa satisfacción pola firma deste convenio, pola cantidade de posibilidades que ofrece a aqueles aos que está dirixido, e por suposto facer un recoñecemento á labor de Abanca”. Font subliñou que o máis relevante do Plan é que “esta firma vai a reverter en aqueles que máis o necesitan: familias, empresas e corporacións locais”, e destacou o apoio á formación “porque é evidente que debemos de envorcar moitos dos nosos obxectivos en que teñamos unhas xeracións cada vez máis preparadas”. O deputado, que tamén enxalzou a nova aposta polo emprendemento, valorou moi positivamente o apoio á internacionalización, “e tamén á liña de axudas destinada a cooperativas e confrarías, un sector no que nós como Deputación estamos involucrados porque cremos que dentro do que é a economía do sector primario na provincia iso ten moita importancia”.

O director de Banca Institucional agradeceu a implicación da Deputación nesta iniciativa financeira, “afianzada como unha ferramenta de financiamento clave para o tecido produtivo pontevedrés, que recibiu máis do 95% do volume total de crédito concedido”. “É un programa de apoio financeiro consolidado e dinámico, que crece e se adapta ano a ano para dar resposta ás demandas dos pontevedreses ou da contorna, con novas opcións de crédito como a de impulso á internacionalización, coa que queremos apoiar o actual ciclo exportador de Galicia, que está alcanzando cifras históricas de exportacións e ten unha especial relevancia en Pontevedra”, subliñou Santiago Novoa.

Pola súa banda, Carmen Fernández resaltou que os créditos ofertados a través do Plan Activamos “contan cunhas condicións moi vantaxosas, con tipos de xuro baixos, flexibilidade no pago e sen comisiones de estudo, amortización ou cancelación anticipada”. “Son condicións moi favorables co propósito principal de mellorar a competividade das pequenas empresas e autónomos da provincia e de apoiar financeiramente ás familias a través de diferentes opcións de crédito”, afirmou.

Liñas de financiamento ofertadas

O Plan Activamos ten como principais destinatarios ás pemes, micropemes e autónomos da provincia. A oferta para este segmento inclúe ata seis liñas de crédito para financiar proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos empresariais, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética de instalacións, necesidades de circulante e, como novidade na edición deste ano, proxectos de internacionalización. Para as familias, o plan oferta préstamos con tarifas especiais para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar para mellorar a accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións do rural pontevedrés. Por último, as corporacións locais poden optar a préstamos para acometer pequenos investimentos nos seus municipios ou atender necesidades de tesourería, entre outras liñas dispoñibles.

O Plan Activamos oferta 50 millóns en crédito para pemes, familias e concellos de Pontevedra