O inicio da construción das fragatas F-110 demorarase ata o verán de 2022

Persoal de Navantia segue a reclamar carga de traballo para o estaleiro

Traballadores de Navantia realizaron este mércores unha nova acción reivindicativa ás portas da factoría de Ferrol para denunciar a "situación límite» que padecen pola falla de ocupación en determinadas áreas de produción nos dous estaleiros públicos da ría ferrolá.

Persoal de Navantia segue a reclamar carga de traballo para o estaleiro
Protesta do persoal de Navantia ás portas do estaleiro en Ferrol.
Protesta do persoal de Navantia ás portas do estaleiro en Ferrol.

O baleiro da carteira de pedidos en Navantia fai perigar centos de empregos na industria auxiliar. "Xa tocamos fondo. É o momento de engalar porque as cifras de desemprego na comarca son abafantes", sinalou ás portas do estaleiro o presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey.

A acción desde mércores enmárcanse no calendario de mobilizacións aprobado polo cadro de persoal de Navantia en Ferrol e Fene para demandar carga de traballo e novas obras que garantan o emprego e a actividade ata a construción das fragatas F-110 —prevese que os traballos comecen no verán do 2022—. Do seu deseño ocúpase agora o departamento de enxeñaría, pero o traballo nos talleres aínda demorará, como pouco, un ano.

"Por desgraza, é o enésimo calendario de mobilizacións que tivemos que aprobar", manifestou Juanatey. O venres 18, os delegados e delegadas sindicais concentraranse diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Alí, o comité manterá un encontro co vicepresidente da Xunta e conselleiro Francisco Conde. Ademais, o día 24 elevarán unha moción ao pleno de fin de mes do Concello de Ferrol para solicitar o apoio explícito de todos os grupos políticos da corporación municipal.

Comentarios
Persoal de Navantia segue a reclamar carga de traballo para o estaleiro