CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións contra a "represión sindical" na compañía

O persoal de Alu Ibérica A Coruña retoma a folga

Os sindicatos CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións en Alu Ibérica contra a "represión sindical" mentres o plantel da fábrica da Coruña retoma a folga este xoves.
O persoal de Alu Ibérica A Coruña retoma a folga
Planta de Alu Ibérica en A Coruña.
Planta de Alu Ibérica en A Coruña.

CCOO, CIG e UGT tamén se dirixirán ao Ministerio de Industria para que convoque decontado a mesa industrial de Alu Ibérica. Así o decidiron tras a reunión que tivo lugar o mércores na Coruña entre o comité de empresa e os secretarios xerais das tres organizacións, Ramón Sarmiento, Paulo Carril e José Antonio Gómez, respectivamente.

Os dirixentes sindicais amosaron a súa máis "enérxica repulsa" polo despedimento do presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, doutros dous membros deste órgano, así como dun delegado sindical. "En total, catro traballadores á rúa como medida de presión por parte da empresa para tentar meter medo ao persoal e evitar calquera voz discrepante para executar o seu plan de desmantelamento da antiga Alcoa-A Coruña", salientan desde os sindicatos.

A primeira acción do proceso de mobilización unitario será a vindeira semana, o venres 26, cunha concentración diante da Audiencia Provincial da Coruña. Alí terá lugar o xuízo pola vulneración de dereitos sindicais durante a última folga en Alu Ibérica, que tivo lugar entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano. Diante da sede xudicial farase pública a convocatoria dunha gran mobilización para rexeitar as prácticas "antisindicais" de Alu Ibérica.

Por último, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica decidiron en asemblea retomar a folga desde este xoves e protagonizarán unha concentración ás 17 horas diante da empresa.

Comentarios
O persoal de Alu Ibérica A Coruña retoma a folga