Utilizado no 90% das licitacións de obras de 2018

APECCO, UGT e CCOO cuestionan a "sobreutilización" do sistema de poxas por parte da Deputación da Coruña

A patronal coruñesa da construción (APECCO) e os sindicatos CCOO e UGT cuestionan a "sobreutilización", por parte da Deputación da Coruña, do sistema de poxas como procedemento de adxudicación en obra pública.

APECCO, UGT e CCOO cuestionan a "sobreutilización" do sistema de poxas por parte da Deputación da Coruña
20180301_trabajadoresobra
O 90% dos contratos da Deputación da Coruña adxudicáronse polo procedemento de poxa, o 8% aplicando multicriterio e o 2% por procedemento negociado.

A Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), CCOO e UGT consideran que o uso do sistema de poxas pon en risco a viabilidade das empresas do sector, e polo tanto os postos de traballo. A Deputación, en contraposición ao resto de Administracións, utiliza este criterio único (a poxa) no 90% das súas licitacións, prexudicando a competitividade das empresas e provocando a precarización do emprego.

APECCO e os dous sindicatos analizaron as graves consecuencias da utilización abusiva do factor prezo como único criterio de adxudicación na obra pública, nunha sesión de traballo levada a cabo na sede da patronal coruñesa da construcción. A conclusión máis preocupante atingue á influencia directa desta estratexia "perniciosa" na precarización do emprego e á sostenibilidade das empresas do sector.

Así, tanto a patronal como os representantes dos traballadores entenden que as condicións de contratación de obras por parte da Administración Pública, máis nomeadamente no referente ás entidades locais debe respectar tanto o espírito como a literalidade da nova Lei de Contratos do Sector Público, que establece que "a adxudicación dos contratos realizarase utilizando unhapluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo". E

Patronal e sindicatos fixeron fincapé na necesidade de que a Deputación coruñesa cumpra de forma estrita nas licitacións o disposto na lei que, en contraposición ao resto de Administracións, non ven respectando a relación calidade-prezo nos seus procedementos de contratación. En 2018 a institución provincial adxudicou o 90% dos seus contratos de obra (39) utilizando como sistema o único criterio o factor prezo, mentres que recorreu ao multicriterio (concurso) en só tres ocasións (só o 8%) e ao procedemento negociado unha soa vez (o 2% do total das súas adxudicacións).

Baixa nos prezos das adxudicacións

A utilización do factor prezo como case único procedemento de adxudicación por parte da Deputación Provincial da Coruña veu crecendo exponencialmente nos últimos anos, alcanzando en 2018 a súa máxima expresión co 90% das licitacións, máis do dobre que fai sete anos. Iso provocou que a porcentaxe de baixas nos prezos se disparara ata máis do 36%, en contraposición ao 23,5% de 2012. Segundo datos achegados pola patronal e os sindicatos, o porcentaxe de baixa media das adxudicacións das outras deputacións provinciais oscila entre o 30% da de Lugo, o 24% da de Pontevedra, e o 7% da de Ourense, e na administración autonómica é do 21%.   

En termos absolutos, as obras licitadas por máis de 10,2 millóns adxudicáronse finalmente en apenas 6,4 millóns. É dicir, co devandito procedemento o sector deixou de ingresar 3,8 millóns de euros.

Efectos no sector

Tendo en conta que cada euro investido duplica o seu valor en actividade económica, xerando máis valor engadido que ningún outro sector; que cada millón de euros investidos crea aproximadamente sesenta postos de traballo directos e indirectos, e que o propio Estado recupera o 50% do gasto en investimentos, vía impostos, taxas e cotizacións, pódese deducir que "primar o criterio económico sobre calquera outro nas adxudicacións de obra pública prexudica o mantemento das empresas, a calidade no emprego e a xeración de riqueza económica e social", salientan desde a patronal e os dous sindicatos nun comunicado cunxto.

Tanto APECOO como UGT e CCOO do sector da construción instan a todas as administracións "a traballar para o cumprimento fiel do espírito da Lei de Contratos do Sector Público, impulsando procesos de contratación procurando o equilibrio entre a calidade e o prezo, condición imprescindible para garantir a viabilidade futura das empresas na provincia de A Coruña e, deste xeito, garantir o mantemento e mellora do emprego dos traballadores do sector".

APECCO, UGT e CCOO cuestionan a "sobreutilización" do sistema de poxas por parte da Deputación da Coruña