A entidade ten previsto pechar nove sucursais en Galicia no mes de setembro

Oposición en A Baña, Zas e Vimianzo ao peche das oficinas de Abanca

Os concellos coruñeses da Baña, Zas e Vimianzo anuncian mobilizacións para evitar o peche de oficinas que Abanca ten previsto o vindeiro mes de setembro, peches que afectarían directamente a dez mil persoas destes municipios e doutros limítrofes.

Oposición en A Baña, Zas e Vimianzo ao peche das oficinas de Abanca
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, o de Vimianzo, Manuel Muíño, e a rexedora de Zas, Mónica Rrodríguez, na rolda de prensa, en Zas.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, o de Vimianzo, Manuel Muíño, e a rexedora de Zas, Mónica Rrodríguez, na rolda de prensa, en Zas.

“Imos esgotar todas as posibilidades na nosa man para lograr que reconsideren esta decisión. As medidas inclúen mobilizacións e estudar se podemos emprenderse accións legais”, subliñou Manuel Muíño, alcalde de Zas, nunha rolda de prensa conxunta xunto ao alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a rexedora de Zas, Mónica Rodríguez.

Os representantes dos tres municipios coruñeses solicitarán unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, posto que os tres rexedores cren que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financeira. Ademais, subliñou, “Feijóo é o presidente de todos os galegos, polo que debe atender a petición de defender aos nosos veciños, e ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”.

Outro dos acordos adoptados polos alcaldes implica reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, coa idea de convocar unha asemblea de concellos destinada a analizar a estratexia de concentración de oficinas que está levando Abanca, o que implica o abandono dos núcleos rurais.

Tamén, adiantou Muíño, intentarán establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento autonómico, aos que lles pedirán “desenvolver as iniciativas políticas necesarias”. Na rolda de conversas, contemplan así mesmo reunirse con responsables de Abanca, “sempre que teñan capacidade de decisión”.

En canto ás mobilizacións, xa iniciadas coa recollida de sinaturas nos tres concellos, o alcalde de Zas anunciou que “desembocarán nunha manifestación ante a propia sede de Abanca”.

"Un atentado contra o rural"

Manuel Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese do banco de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou.

“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación e moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou. “Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

Abanca está presente en 274 municipios galegos, en 128 deles como único banco. A peche de 2020, contaba con 477 oficinas en Galicia. En xullo pasado, durante a presentación de resultados do primeiro semestre, o presidente de Abanca recoñecía que a entidade estaba a reordenar a súa rede, apostando por oficinas de maior tamaño e pola omnicanalidade.

Oposición en A Baña, Zas e Vimianzo ao peche das oficinas de Abanca